EU dá un voto de confianza a Marta Giráldez a cambio do seu compromiso coa obra da tubaxe de auga do Grove

La Voz O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Unha conversa antes da votación fixo que José Antonio Otero mudase a súa postura de rexeitar os orzamentos

06 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Esquerda Unida tiña previsto votar en contra dos orzamentos do 2021 da Mancomunidade do Salnés que se aprobaron o pasado xoves, pero, finalmente, decantouse pola abstención porque acadou o compromiso da presidenta, Marta Giráldez, de darlle máxima prioridade o vindeiro ano á obra de cambio da tubaxe que subministra a auga potable ao municipio do Grove.

O representante de EU, José Antonio Otero, estaba disposto a castigar co seu voto o feito de que non aparecera ningunha partida para esta actuación, pero unha conversa con Giráldez antes da sesión fíxoo mudar a súa postura. EU pediu tamén que no momento en que se teña coñecemento do proxecto -que está pendente de entregar por Augas de Galicia- e do custo da obra, a mancomunidade procure o financiamento que lle pertenza, no caso de que o ente autonómico non se faga cargo do cen por cen da mesma.

Este financiamento podería chegar de fondos Feder, de subvencións da Deputación de Pontevedra ou a través do orzamento da propia mancomunidade. No caso de optarse por esta última opción a polémica está servida porque o alcalde de Vilanova xa anunciou que o seu Concello non contribuirá economicamente, rompendo así o principio de solidariedade que rexe na entidade. É a súa resposta á negativa da mancomunidade a pagar os terreos para o colector es os bombeos da depuradora de Tragove que vai instalar a Xunta no termo municipal vilanovés. En todo caso, EU solicita que sexa Augas de Galicia a que corra con todos os gastos da nova tubaxe da auga e táchaa de incompetente «por non ter presentado aínda un proxecto logo de comprometerse a telo rematado no 2018».

Para darlle máis visibilidade a esta petición, Otero anuncia que no vindeiro pleno presentará unha moción solicitando a Augas de Galicia a execución da obra e o seu total financiamento.

«Xa chegou de burlas e de que a Xunta de Galicia menosprece ao noso concello». «A administración autonómica ten unha débeda histórica co Grove e esta obra é unha das prioritarias, xa que son preto de 11.000 persoas (máis de 20.000 no verán) as que poden quedar sen abastecemento de auga se se produce unha nova ruptura da tubaxe».