Libros por sorpresa para os usuarios da biblioteca do Grove

Rosa Estévez
r. estévez O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Para participar só é preciso achegarse ao centro de lectura e escoller un paquete de vacacións

04 dic 2020 . Actualizado a las 12:54 h.

Somos unha especie de costumes. Un ser vivo que busca a súa zona de confort en calquera ámbito da vida. Mesmo cando prendemos a televisión, mesmo cando nos achegamos a unha estantería chea de libros. Sempre hai aqueles tomos aos que se nos van os ollos e as mans. E tamén aqueles outros que nunca se nos ocorrería ler. E o que nos estaremos perdendo!

Para conseguir sacar aos seus usuarios da súa zona de confort, para abrirlles horizontes e ampliar o abano das súas lecturas, a Rede de Bibliotecas do Grove vén de poñer en marcha o proxecto de dinamización lectora «Pasaporte a unha lectura». A iniciativa é sinxela. «Para participar tan só é preciso achegarse á biblioteca e coller un dos ‘paquetes de vacacións'» preparados polo persoal. Poden ser novelas, libros de cociña, historias de viaxes... «Cada lote inclúe unha selección de libros que non poden quedar sen ler» e que permitirán que quen se adentre nas súas páxinas consiga viaxar sen moverse da súa casa, unha disciplina do máis interesante nos tempos que vivimos.

Sorteo final

«A finalidade de todo isto é animar á cidadanía a achegarse ás bibliotecas do Grove, incentivando a lectura de xéneros e autores que, en principio, non serían os habituais, fomentando así os hábitos de lectura», explican dende a dirección da rede.

Todos os participantes nesta campaña de dinamización lectora obterán un «pasaporte de lectura» que lles abrirá o camiño para participar no sorteo dun regalo que se vai realizar a finais do mes de xaneiro.