A comarca énchese de actos lúdicos e reivindicativos polo 25-N, pero sen multitudes

A Catoira chega este domingo o punto morado e en Valga  haberá o martes reparte de material e un programa de radio especial


vilagarcía / la voz

O Día internacional contra a violencia de xénero, máis coñecido como 25-N, celébrase o mércores, pero xa hai días que se están a desenvolver actividades relacionadas con esta conmemoración. As institucións implícanse cada vez máis nesta reivindicación e os concellos arousáns non son alleos a este fenómeno. Para esta semana están convocadas numerosas actividades, aínda que este ano, polo covid-19, non se verán actos multitudinarios nas rúas como en ocasións anteriores. Óptase polas canles virtuais para facer chegar a mensaxe contra a violencia machista.

Así farano na Mancomunidade do Salnés, mediante a lectura dun manifesto o día 25, ás 12 horas, a través das redes sociais dos concellos. E tamén levarán a súa campaña aos colexios, onde proxectarán un vídeo sobre o funcionamento do Centro de Información á Muller (CIM).

Teatro e obradoiros

En Vilagarcía darán a coñecer o seu programa de actos nas vindeiras horas mentres na veciña Catoira xa houbo onte unha actividade de divulgación científica para nenos baixo o lema Con Ciencia de muller. O mércores, de 9 a 14.30 horas, situarase diante do concello un punto morado, no cal se dará información sobre a violencia de xénero e medidas para previla onde aquelas persoa que pasen por alí terán como agasallo unha bolsa reutilizable.

O 29 de novembro ás 18 horas, a Escola municipal de teatro representará no auditorio a obra (Invisible Luz, baseada nun texto de Montse Fajardo, coa que haberá un coloquio ao final da actuación.

Pola súa banda, o CIM de Valga fará o reparto de material o martes no centro de saúde e un programa na radio municipal no que se reflexionará sobre a violencia machista e a igualdade. O mércores presentarase un anuncio gravado nos centros educativos e o venres pola tarde instalarase no auditorio un stand e faranse obradoiros do programa Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual.

Son só algunhas das actividades que se sucederán estes días, entre as cales se inclúe unha concentración convocada pola CIG, o día 25 ás 12 horas, diante do Servizo Galego de Colocación de Vilagarcía.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A comarca énchese de actos lúdicos e reivindicativos polo 25-N, pero sen multitudes