Do esquecemento dos avogados de oficio

X.A. Ochoa VENTO DA TRAVESÍA

AROUSA

MONICA FERREIROS

Non é o Estado o que garante nos tribunais a reivindicación dos dereitos das mulleres sometidas a violencia:son estes profesionais

22 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai aproximadamente un ano, convidado polo Colexio de Avogados de Pontevedra, dei unha conferencia sobre as accións civís en supostos de violencia de xénero. A maioría dos asistentes, nun salón ateigado, eran avogados inscritos na quenda de oficio. Decateime que non estaban alí só por obter un título para exercer nese tipo de asuntos senón que amosaban un compromiso real, voluntario, concienciado, de solidariedade coas vítimas. Recordei agora esta actitude porque a ONU instaurou o 25 de novembro como Día da Eliminación da Violencia contra a Muller (https://www.un.org/es/events/endviolenceday/sgmessage.shtml). Di que a violencia de xénero constitúe un obstáculo para lograrmos a igualdade, o desenvolvemento e a paz; resalta que hai grupos específicos de mulleres como as que pertencen a minorías, as indíxenas, as refuxiadas, as emigrantes, as que viven en comunidades rurais ou remotas, as indixentes, as recluídas ou detidas, as nenas, as discapacitadas, as mulleres de idade e as que están en situación de conflito armado, que son particularmente vulnerables á violencia. Recorda que «a violencia contra a muller constitúe unha manifestación dunhas relacións de poder historicamente desiguais entre home e muller, que levaron a que o home domine á muller e discrimine contra ela, impedindo o seu adianto pleno e que a violencia contra a muller é un dos mecanismos sociais fundamentais polo que se reduce á muller a unha situación de subordinación respecto do home». A Asemblea Xeral do 7 de febreiro de 2000 rematou dicindo aos gobernos que «se sinte alarmada polo feito de que as mulleres non gozan de todos os seus dereitos humanos e das súas liberdades fundamentais e preocupada pola persistente incapacidade para promover e protexer estes dereitos e liberdades fronte á violencia contra a muller». Na Declaración (https://undocs.org/es/A/RES/54/134) non se menciona aos avogados de oficio, ou como se denominen noutros países, a pesar de que estes profesionais e violencia de xénero van entrelazados porque a maioría das vítimas son asistidas nos tribunais por eles. Mais, indirectamente, inclúeos porque son un dos instrumentos que os Estados teñen obriga de pór a disposición desas vítimas, xa que son os que deben facer que se preserven os seus dereitos. En España é mentira que o sistema de defensa xurídica de balde (https://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-1996-750) sexa público: baséase na expropiación, por lei non orgánica, do traballo dos avogados de oficio aos que se lles paga mal (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180105/AnuncioG0244-271217-0001_ gl.html), pouco e tarde, aínda que se fai recaer neles o contribuír á tutela xudicial efectiva desas mulleres. Non é o Estado o que garante nos tribunais a reivindicación dos dereitos das mulleres sometidas a violencia: son os avogados da quenda de oficio cos seus propios medios, non funcionarios, os que están a cumprir con entusiasmo unha función pública. Prestan xenerosamente ese servizo uns 46.000 letrados, as vinte e catro horas de cada día do ano. Nesta pandemia, a carón de sanitarios, traballadores da alimentación, transportistas, forzas de seguridade e outros profesionais, non pararon a súa actividade, máis solidaria que lucrativa. Ninguén se acordou deles. Non é de xustiza.