Arousa: O BNG cambadés repróchalle ao Concello que subvencione as sociedades de caza
Os nacionalistas advirten que é incongruente coa declaración de vila libre de circos con animais
cambados / la voz
O BNG de Cambados pide que non se financien con fondos públicos ás asociacións de caza, como si fixo o Concello cambadés o ano pasado. En consecuencia, solicita que para o 2021 se modifiquen as bases que rexen a concesión de subvencións a entidades deportivas. Doutro xeito, explica o grupo nacionalista, o Concello está incorrendo nunha incongruencia respecto á declaración de Cambados en 2016 como Vila libre de circos con animais.
Incoherencia
«O BNG considera que o actual goberno municipal debe seguir mostrando coherencia neste tema, de xeito que non haxa actuacións ou aspectos contraditorios en relación á sensibilidade animal», subliñan no Bloque. «Como queira que o ano pasado na concesión de axudas a entidades deportivas se lle asignou unha axuda a unha sociedade de caza, o que directamente se traduciu en que o goberno está a promover este tipo de actividade, o que resulta incoherente con respecto á declaración de principios de protección animal aprobada no pasado mandato», explican.
Comentarios