O Asmubal retorna ao traballo tras pechar a corentena cun só positivo

Montes sinala a dificultade de volver á Liga co déficit físico acumulado


vilagarcía / la voz

«Como nos foron desconfinando por partes, a min o primeiro, o venres adestrei coas dúas primeiras xogadoras desconfinadas, o sábado con 6 ou 7, onte -polo luns- empezamos todas agás as de Santiago e hoxe -por onte- temos o primeiro adestramento do grupo ao completo». O Asmubal Meaño de División Honra Prata Feminina está de volta. Desta curiosa maneira gradual relatada polo seu adestrador, Luis Montes, que non vía xuntas a todas as súas pupilas desde que o 31 de outubro se reunían por última vez para medirse á S.A.R. no Pavillón Municipal de Coirón, sen poder xogar máis de 6 minutos pola condensación da pista meañesa. O positivo por covid-19 dunha das balonmanistas o mércores 4 de novembro mandou a confinamento domiciliario as 21 xogadoras, técnicos e oficiais asistentes do Asmubal naquel partido de Liga. Afortunadamente ningún máis deu positivo nas PCR practicadas, abandonando, pola singular política do Sergas, a corentena entre o martes e o sábado da semana pasada, segundo o lugar de orixe do rastrexador de cada caso.

Chegados a este punto, e «máis aló dos prexuízos que a nivel laboral e académico» supuxo a obriga de permanecer 14 días metidos nas súas respectivas residencias, o adestrador do Asmubal Meaño feminino sinala que «a nivel físico foi un pau duro».

Luis Montes conta que «entramos no confinamento no noso mellor momento, crecendo, atopándonos moi ben fisicamente, acadando o primeiro pico de forma co que pretendiamos chegar ao Nadal; e a nivel defensivo, bastante sólidos». Todo iso volatilizouse. Non só polo diferencial perdido do traballo colectivo en Coirón. Tamén e sobre todo pola perda de volume físico das súas xogadoras, moitas delas confinadas en pisos. «As rapazas fixeron o que puideron pola súa conta», di o seu preparador. Pero iso, na segunda categoría do balonmán español, non basta.

Oito partidos nun mes

O punto de reinicio resulta altamente preocupante para o responsable técnico do Asmubal. Sobre todo porque, cos tres partidos aprazados, o da S.A.R. por condensación e os que tocaba disputar co Comercial Ulsa Hand Vall Valladolid e mais co Salud Tenerife, ambos os dous aprazados polo confinamento, o cadro meañés ten ante si oito encontros de Liga por diante no prazo dun mes. O primeiro, o que este sábado o levará á cancha do Rubensa BM Porriño, quinto clasificado do Grupo A. O pechacancelas Palencia Turismo, en Coirón o día 28, e en decembro, o Oviedo e o CLEBA de León, a domicilio, ademais do Carballal, en Meaño, serán os outros contrincantes das de Luis Montes antes do parón polas festividades navideñas.

«Imos chegar a estes partidos cun nivel físico baixo contra rivais que van estar no seu estado de preparación máis alto». Para ser precisos, en tres de cada catro casos. E é que os outros dous equipos tocados por positivos en covid-19 no Grupo A da División de Honra Prata figuran entre os rivais que debe encarar o Asmubal de aquí ao final da primeira volta. Trátase do Salud Tenerife, con catro casos a semana pasada, cando lle tocaba viaxar a terras do Salnés; e do CLEBA, para Luis Montes, o máis firme candidato ao título e mais ao ascenso, que logo dun primeiro confinamento dun mes volvería estar en corentena, sinala o técnico galego, con a lo menos oito integrantes do club leonés enfermos ao longo da presente tempada.

O club fixa dous dos cinco partidos aprazados polos seus dous equipos séniores

Aos tres partidos pospostos polo Asmubal na Liga de División Honra Prata Feminina súmanse os dous que o seu conxunto sénior masculino tivo que adiar na competición de Primeira Autonómica, no seu caso, polos problemas de condensación no parqué de Coirón como causa. O club meañés xa ten recolocados no calendario dous dos encontros, pendente de ver como encaixa os tres restantes nas catro semanas escasas que restan ata o parón do Nadal.

Na División Honra Prata Feminina, o Asmubal de Luis Montes acordou co Comercial Ulsa Hand Vall Valladolid a permuta da orde dos seus enfrontamentos, xogando o da primeira volta en Coirón, o domingo 20 de decembro ás 13.30 horas. Un choque no que o equipo local se presentará practicamente nada máis baixar do autobús que o traerá de volta de León, onde xogará un día antes, desde as 19 horas, fronte ao CLEBA. A intención da directiva meañesa é xogar o festivo 8 de decembro contra o Salud Tenerife, ou no seu defecto, coa S.A.R.

Polo que respecta ao equipo sénior masculino, os pupilos de Víctor Garrido enfrontaránse este venres, a partir das 19.30, co Seis do Nadal, quedando inda o choque aprazado co Culleredo pendente de nova data.

Un problema «practicamente resolto»

En paralelo á xestión do confinamento domiciliario do equipo sénior feminino por un caso de covid-19 e a recolocación dos partidos que houbo de suspender, a directiva do Asmubal Meaño entende que o problema da condensación do Pavillón Municipal de Coirón é cousa do pasado. Esa é a lo menos a súa lectura da comunicación ao respecto recibida por parte do Concello. A presidenta do club de balonmán, Silvia Lobato, comentaba onte que «segundo o Concello, e en espera de que esta semana vaia polo recinto unha empresa a ver os dous queimadores do sistema de calefacción que non funcionan, o mecanismo está reparado e o problema está practicamente resolto». O Asmubal debera poder comprobalo en breve.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Asmubal retorna ao traballo tras pechar a corentena cun só positivo