Citania Arqueoloxía limpará o entorno e fará unha diagnose sobre os petróglifos do Xiabre

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A actuación, que se desenvolverá en cinco meses, ten un orzamento de 18.074 euros

11 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Sacar á luz, protexer e poñer en valor os recursos arqueolóxicos de Vilagarcía é unha das liñas nas que traballa a concellería de Urbanismo que dirixe Paola María. Para seguir avanzando neste obxectivo, Ravella levará a cabo unha intervención sobre os petróglifos do monte Xiabre. O goberno socialista vén de aprobar, neste senso, a adxudicación dos traballos de limpeza do contorno do xacemento e de diagnose dos seus elementos á firma Citania Arqueoloxía. A actuación, que se desenvolverá en cinco meses, ten un orzamento de 18.074 euros.

As estacións de petróglifos do cumio do Xiabre foron descubertas logo da devastadora vaga de incendios forestais do 2006, que arrasou a cuberta vexetal que os agachaba. Catorce anos despois, a maleza volve medrar sobre eles e dificulta enormemente o acceso ao xacemento. Por iso, o primeiro paso para a súa difusión e posta en valor é despexar a contorna e analizar cal é o seu estado. Citania Arqueoloxía conta con ampla experiencia neste tipo de encomendas. Foi, de feito, a firma que acometeu a posta en valor dos petróglifos de Bamio e Meadelo no 2017.