O pichichi tras o novo líder da Terceira: Central de 1,75 metros

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Procedente do Pontevedra, Campillo comeza a probar a súa condición de fichaxe estrela do Arousa 2020/21 con dous goles traducidos en 5 puntos

10 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Arousa pechou a cuarta xornada de Liga de Terceira División líder en solitario do Grupo B. Unha escalada culminada coa súa terceira vitoria consecutiva tras a derrota, na xornada inaugural, pola mínima co potente Arenteiro no céspede da Lomba. Que o conxunto que dirixe Rafa Sáez estea onde está hoxe é o froito do traballo de todo un colectivo, de xogadores e dos integrantes do corpo técnico. Pero se atendemos os números que trazan a liña divisoria entre o éxito e o fracaso dun proxecto deportivo, os dos goles e os dos puntos, un nome propio emerxe entre o resto nas filas arlequinadas. O do vigués Alberto Campillo, elevado a sorprendente pichichi do conxunto vilagarcián cos seus dous tantos nas dúas últimas comparecencias ligueiras do Arousa.

«É algo anecdótico. Nunca na miña carreira marcara en dúas xornadas consecutivas», comentaba onte o atípico máximo goleador provisional do seu equipo. Non en van, é pouco frecuente ver un defensa no papel de home-gol, sobre todo nun proxecto que parte coa etiqueta de candidato a todo na competición. Excepcionalidade maior por canto Campillo foi quen de superar as zagas de dous equipos de peso como o Ourense C.F. e o Barco para, cos seus 175 centímetros de altura, cabecear en dous saques de esquina ao segundo pau poñendo por diante o Arousa. Desfacendo o empate restablecido polo punta Pedro Beda no minuto 53 do choque co Ourense C.F., anotando no 70 o 2-1 final na xornada 3 disputada na Lomba; e o pasado domingo, abrindo a lata en Calabagueiros no minuto 11.

«Os dous foron balóns boísimos, o do Ourense C.F. de Róber e o do domingo de Mon; só había que empurralos», di Campillo. Replicámoslle que algo faría el para aproveitalos. Contéstanos que, máis aló do traballo de estratexia na equipaxe do equipo, «tirar un pouco de intuición. Se acertas o punto onde vai caer o balón, tes moitas posibilidades de adiantarte á defensa rival».

A intuición da que fala Campillo é o resultado dun 50 % de intelixencia de serie e outro tanto da experiencia aproveitada polo vigués durante as súas trece tempadas na Segunda B, no filial do Celta (2004/05 a 2009/10), no extinto C.D. Ourense (2012/13 e 2013/14), Pontevedra (2015/16, 2018/19 e 2019/20) e Coruxo (2016/17 e 2017/18), máis outras tres na Terceira nas filas do Rápido de Bouzas, C.D. Ourense e Pontevedra; nestes dous últimos casos, con ascenso final. Aos seus 32 anos, intelixencia e experiencia retroalimentan a calidade dun xogador que en tan só catro xornadas comeza a respostar sobre o campo á aposta de Rafa Sáez por el como fichaxe estrela do Arousa o pasado verán. Un referente desde os pés á cabeza: «Estou contento sobre todo por estar neste primeiro posto tan desexado. Pero agora toca aguantar nel, e cabeza fría». Campillo ben sabe do que fala.