«Con La Vuelta de Eva decátaste de que hai moita xente solidaria»

Gustavo César Veloso relata a súa experiencia a prol da visibilización da enfermidade de Dent


Gustavo César Veloso saíu o xoves da súa casa en Vilagarcía ás seis da mañá, para regresar a ela canda a súa familia 16 horas despois, contra as dez da noite. No corpo, 350 quilómetros en coche, e os 237 que lle meteu ás pernas sobre a súa bicicleta cubrindo o mesmo percorrido que pouco despois faría o pelotón de La Vuelta ciclista a España na súa decimoquinta etapa, entre Mos e Puebla de Sanabria. Unha boa paliza, abofé. Porén, na súa viaxe de volta ao fogar, xa instalado no seu vehículo particular, o que ocupou a cabeza do ciclista non foron os cinco portos de montaña de terceira categoría que subiu, co Padornelo ao final da lista, varios puntos por enriba das esixencias das súas máis rigorosas sesións de adestramento. Tras unha experiencia única e de todo nova para el, o maxín de Veloso veu cavilando nas cousas da vida nas que fai pensar a participación nunha iniciativa coma La Vuelta de Eva. A carreira en paralelo que Eva Giménez, a nai de Nacho, un neno de 10 anos nacido coa enfermidade de Dent, está a facer xunto con ciclistas, ex ciclistas e deportistas de primeiro nivel adiantándose cada día ao pelotón de La Vuelta a España para visibilizar unha desas moitas enfermidades raras padecidas por unha minoría e das que se desentenden as grandes farmacéuticas por falta de rendibilidade económica.

Gustavo chegou ás sete da mañá ao punto da saída neutralizada de Mos coa información básica que Perico Delgado, o home que o enrolou na iniciativa, lle proporcionara. Antes de botar a rodar, durante unha hora o arousán coñeceu de primeira man en que estaba a colaborar a través de Eva Giménez, durante a gravación da súa parte para o documental que a nai coraxe está a rodar durante La Vuelta para dispoñer dunha nova ferramenta coa que visibilizar e promover a investigación médica sobre a enfermidade do seu rapaz e de algo máis doutras 400 persoas no mundo. «Explicoume en que consiste a enfermidade de Dent», un mal que o funcionamento dos riles e con outros problemas asociados coma o raquitismo ou a osteomalacia -desmineralización dos ósos-. A nai ten a ELA -Esclerose Lateral Amiotrófica-. Pero desde que naceu Nacho, ela dedicouse única e exclusivamente a recadar diñeiro para loitar contra a súa enfermidade», explica Gustavo.

Unha empresa que a leva a cubrir La Vuelta nunha caravana propia en paralelo á do gran pelotón, con dous furgóns e un coche de apoio ao ciclista colaborador do día e á propia Eva, que subida nunha bicicleta eléctrica, completa entre os 10 e os últimos 20 quilómetros do percorrido. O xoves, atravesando a meta de Puebla de Sanabria á par de Veloso.

«Ela e o seu equipo dormen estas tres semanas nos furgóns para aforrar o máximo de cartos para a investigación. ¿Con que me quedo despois de facer isto? Con que, máis aló de Eva, que ten o problema do seu fillo, que hai moita xente solidaria. Que hoxe, cando se fomenta a idea de que para ser alguén na vida hai que ser o mellor nalgo, o individualismo e a competitividade, que hai xente que demostra que o que hai que ser é solidarios, aportar algo á vida». Descubrindo a figura de Eva Giménez, que «aos médicos que lle din que non pode facer o que fai lles contesta que lle dá igual, e que se indo en bicicleta pode conseguir fondos para investigar a enfermidade do seu fillo, que irá en bicicleta». Unha muller, apunta que che fai «aterrar na realidade».

237 quilómetros

Mos-Puebla de Sanabria

Gustavo César Veloso completou a decimoquinta etapa de «La Vuelta de Eva» cubrindo os mesmos 237 quilómetros entre Mos e Puebla de Sanabria -230,8 tras ao treito neutralizado- que o pelotón de La Vuelta a España; con cinco portos de montaña de terceira categoría, o último, o do Padornelo, a 19 quilómetros da meta.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Con La Vuelta de Eva decátaste de que hai moita xente solidaria»