«A lonxa de Carril está a facer unha gran aposta pola calidade»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O patrón maior amosa a súa sorpresa pola operación Aixam sobre roubo de marisco

05 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non agocha José Luis Villanueva a súa sorpresa pola bautizada como Operación Aixam, que levou á Policía Autonómica e a Gardacostas a investigar a unha quincena de persoas acusadas de roubar marisco nos bancos do Barbanza e introducilo no mercado facéndoo pasar por bivalvo procedente dalgún parque de Carril.

-Por que esa sorpresa?

-Que non se malinterprete. A nós, todas as actuacións contra o furtivismo parécennos ben. O que nos sorprende é a transcendencia que se lle deu a este tema, especialmente porque xa ocorreu hai semanas. E porque parece un pouco irrisorio que se lle dea esta trascendencia a este asunto, cando hai a diario auténticos e moi graves casos de furtivismo que merecen a atención das autoridades moito máis que este individuo, que foi detido cando levaba 27 quilos de ameixa. Para nós, isto é unha cortina de fume coa que se está intentando ocultar a inacción noutros frontes. A este individuo collérono con 27 quilos. Paréceme ben que o sancionen. O que non entendo é a proxección que se lle dá a este tema.

-Di que hai casos graves de furtivismo. Miramos a Barbanza?

-Miramos a Barbanza, claro. E nós dende Carril tentamos axudar a controlar a eses furtivos evitando que ese produto chegue aquí. Pero tamén me refiro ao marisco que vén de Portugal de forma irregular, que si que ten un impacto importante na nosa economía. Cando iso se controla, nótase nos prezos. Cando se baixa a garda, os prezos baixan.

-En calquera caso, a operación encaixa con ese convencemento que hai na ría de que moitos furtivos canalizan o seu produto ata Carril.

-En Carril hai case 1.300 parques de cultivo, e é practicamente imposible telos todos controlados. E aínda así, estamos intentado facelo. Dende que o meu equipo está na confraría, estamos traballando moi seriamente nese tema. A lonxa de Carril está a facer unha gran aposta pola calidade e os datos están aí. Pasamos de vender na lonxa 1,3 millóns de quilos a pouco máis de 800.000, pero economicamente falando iso nos compensou, porque estamos tendo máis ingresos. E iso é pola aposta clara que estamos a facer pola calidade e a trazabilidade do marisco, porque a primeira pasa sempre pola segunda. Iso non quere dicir que, por desgraza, en algún momento haxa quen faga unha manobra como esta, con 27 quilos... Non entendo que esta operación sexa considerada como un éxito. A min paréceme unha tomadura de pelo, tendo en conta a cantidade de marisco que está chegando de Portugal, e me parece que a información foi dada ou con ignorancia, ou con mala fe.

-Para prexudicar á lonxa de Carril?

-A confraría e os parquistas estamos traballando conxuntamente para canalizar as vendas dos parques a través da lonxa. Hai unha sinerxia que está a ser moi positiva, os datos están aí. Sabemos que a trazabilidade é unha ferramenta indispensable e por iso estamos traballando duro en moitos campos. Non creo que se nos poida esixir máis. Por iso non estamos de acordo con que a cuestións coma estas, coa escasa relevancia que teñen, se lles dea una proxección que dane a nosa imaxe e o traballo que levamos feito.