O Cortegada reclamarálle ao Concello os gastos extras pola suspensión

O club fala de situación «lamentable» e pide que a administración local lle aclare se vai poñerlle fin e cando aos problemas de humidade de Fontecarmoa. Marea na Vila urxe «unha solución definitiva» e Ravella agarda poder facelo co programa DUSI


vilagarcía / la voz

O sucedido na tarde do pasado sábado no complexo polideportivo municipal de Fontecarmoa é «algo que lleva pasando desde hace años en los dos pabellones, y de lo que llevamos avisando mucho tiempo a nuestro Concello», clama a directiva da Agrupación Deportiva Cortegada nun comunicado nas redes sociais do club. A cuestión agora é saber se suspensións como a do partido entre o seu primeiro equipo e o Ulla Oil Rosalía de LF2 pola humidade na instalación cuberta seguirá sendo un problema seguro cando a climatoloxía adversa se alinee coa hora do correpondente encontro de Liga.

O vicepresidente e voceiro da A.D. Cortegada, José Gorgoso, informaba onte de que a súa directiva solicitaba onte «unha reunión co alcalde para tratar este tema. Queremos dicirlle o que hai, e saber a que aternos. E a partir de aí, sopesar se todo o traballo que está a pasar esta directiva e as xogadoras para estar nesta categoría compensa».

Gorgoso non ten reparo en confesar que «a min o sábado caéuseme a cara de vergoña» cando a parella arbitral, previa consulta cos adestradores dos dous equipos e visto que o pavillón número 2 de Fontecarmoa se atopaba inda en peores condicións de humidade, decidía suspender o choque con 9-2 no marcador e tan só 5 minutos e 55 segundos de partido disputado. E é que, como apuntaba un día antes no seu comunicado a directiva da que forma parte Gorgoso, nestes tempos ter que reprogramar un partido resulta «todavía más duro, ya que se suma la situación de pandemia en que vivimos, volviendo a exponer a las jugadoras visitantes al viaje» ademais de que «tendremos que pagar de nuestro bolsillo el viaje perdido por el Ulla Oil Rosalía, así como los gastos de arbitraje, mesa... además de realizar de nuevo las pruebas que tenemos que hacer cada semana los equipos profesionales».

Neste punto, Gorgoso adianta que na súa xuntanza co alcalde de Vilagarcía «voulle reclamar os gastos extra que saian da repetición do partido», que segundo os seus cálculos, poderían achegarse aos 1.000 euros, incluíndo o pago do autobús do Rosalía. A intención do Cortegada é disputar o encontro a mediados deste mes, podendo ser un xoves, a fin de realizar os test sanitarios un día antes e que estes teñan validez tamén para o partido de Liga que toque o sábado desa semana.

A directiva do Cortegada carga duramente contra o Concello: «Aunque no nos trate como tal, somos un equipo profesional que lleva el nombre de Vilagarcía por toda España». Salienta que «gran parte del baloncesto vilagarciano en todas sus categorías se ve afectado por la pésima gestión de nuestro Concello en este caso», advertindo de que «las posibilidades de lesión se ven multiplicadas» entre xogadores de todas as idades, tanto nos adestramentos coma nos partidos.

Así as cousas, tras «pedir públicamente disculpas al Ulla Oil Rosalía» e vendo ademais, declara Gorgoso, que «ninguén do goberno local nos chama», a directiva do Cortegada explica a súa decisión de facer público o seu cabreo «viendo que la respuesta no llega» e despois de «solicitar por activa y por pasiva de manera privada mucho tiempo que se solucionen estos problemas».

Marea na Vila urxe «unha solución definitiva» e Ravella agarda poder facelo co programa DUSI

O grito no ceo do Cortegada reclamando a solución dunha vez aos graves problemas de condensación que veñen acompañando os pavillóns de Fontecarmoa desde a súa apertura atopou onte eco no grupo de Podemos-Marea na Vila. A súa concelleira e voceira, María de la O Fernández, urxiu o goberno local «a buscar unha solución definitiva ás instalacións de Fontecarmoa». Fíxoo subliñando que «a imaxe trasladada o sábado supón un descrédito para a nosa vila e non pode volver repetirse», que «as humidades poñen en perigo a integridade física das xogadoras e das persoas que se achegan aos pavillóns para realizar actividades deportivas»; e tamén afeándolle ao alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, que no pleno do 3 de setembro do 2019 dixera que o proxecto para corrixir as humidades «estaba en fase de redacción» sen que se volvera saber del.

Preguntado pola cuestión, o goberno local recoñece que o problema dos pavillóns de Fontecarmoa «non é novo, rexístrase desde os inicios da construción, nin de doada solución. [...] Segundo os técnicos xa consultados trátase dun problema estrutural que precisa dunha actuación cun investimento moi elevado para o cal non existe dispoñibilidade económica nestes momentos». Neste punto, e logo de petar sen éxito na porta da Xunta, Ravella está «tratando de encaixar a actuación a través dalgunha das liñas dos fondos FEDER» e «está previsto realizar unha auditoría técnica das instalacións que facilite a aprobación da actuación por parte do Estado nos programas DUSI».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Cortegada reclamarálle ao Concello os gastos extras pola suspensión