O Curtas pasa «Comrade Drakulich», premio ó mellor guión en Sitges

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O filme húngaro prologa a traca final da programación do certame

29 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha campaña de doazón de sangue para Vietnam do goberno húngaro no medio da guerra que acabaría perdendo os Estados Unidos. Un vampiro e unha parella que traballa para a policía secreta encargada de descubrir o segredo da eterna xuventude do chupasangue. E un triángulo amoroso para botarlle máis gasolina á trama. Con estes ingredientes colleitaba a comedia de terror Comrade Drakulich o premio ao mellor guión no recente Festival Internacional de Cinema Fantástic de Sitges. Hoxe, ata 60 afeccionados ao xénero poden gozar da súa proxección na terceira e última sesión da xornada do Curtas Festival do Imaxinario, no Salón García desde as 20.30 horas, dentro da sección oficial Fantástico.

Con anterioridade, no mesmo escenario, o certame vilagarcián proxectará outras dúas longametraxes. A estadounidense Every Time (16.30 horas), coa consciencia dun asasinado tentando advertirlles aos seus amigos de que corren perigo de morte. E a colombiana Luz, la flor del mal (18.30 horas), un filme ambientado nunha comunidade nas montañas cun predicador coma líder e a chegada dun neno coma suposto mesías.

Os interesados en asistir ás proxeccións deben solicitar a súa entrada, de balde, a través da ligazón que atoparán na dirección web https://curtas.org/curtas-2020/entradas/.

Tamén nela poderán anotarse en calquera das restantes proxeccións e actividades dos tres últimos días dunha programación do Curtas que entre mañá e o sábado concentrará boa parte dos maiores atractivos da súa edición 2020 para os afeccionados ao cine e ao cómic. Mañá, con dous fitos no Auditorio. A presentación, desde as 18.30, do libro sobre a exposición en homenaxe a Juan Giménez, con catro grandes nomes propios da novena arte como o crítico Koldo Azpitarte e os creadores Ángel Unzueta, Salvador Larroca e Pasqual Ferry. E o encontro ás 20.15 con afeccionados do guionista e director de cine Juan Carlos Fresnadillo, que falará sobre a súa carreira, na que sobresae o filme 28 semanas despois.