Carlos Gabín: «Nos Lombos hai moito berberecho pequeno, a uns milímetros de ter a talla comercial»

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

O director do Cima di que as mostraxes da Xunta non detectaron ningunha situación anómala na ría

21 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O luns deu comezo unha nova campaña de libre marisqueo na ría de Arousa. E a impresión coa que volveron do mar a maior parte dos mariñeiros era rotunda: os que veñen non van ser bos meses. «Non hai marisco», dicían nos portos. A situación foi especialmente dura nos Lombos, o que levou a parte da frota a probar sorte no Bohído. Coma tantos outros científicos, Carlos Gabín, o director do Centro de Investigacións Mariñas, non se sinte cómodo falando de impresións. «As impresións sempre son subxectivas», repite varias veces na conversa. El fala en base aos datos recadados. E os datos, asegura, non son tan desalentadores como puidera parecer.

-Para o que podemos chamar inicio de campaña, tal vez os resultados non espertaran demasiado optimismo. Pero o banco dos Lombos do Ulla está ben, dentro dos parámetros doutros anos. No que respecta ao berberecho, tanto ao reconto do número de individuos, como á biomasa estimada, os datos son bos. Que pasa? Que lles falta un tramo de crecemento para chegar a talla comercial. Pero o berberecho está aí e, salvo catástrofe no medio, con chuvias que provoquen unha baixada da salinidade, vai seguir estando aí.

-É dicir, que hai berberecho que aínda non acada a talla comercial. Cando podería estar nela?

-Non é unha pregunta que poidamos contestar. Canto tempo lle vai levar medrar eses milímetros que lle faltan? Pois vai depender. Certo é que estamos nuns meses de augas frías, ausencia de fitoplancto... Podería estar para finais de decembro. Sexa cando sexa, o certo é que nos Lombos hai abundancia de berberecho, moita densidade, moita cantidade e a uns milímetros, entre cinco e sete, da talla comercial. E salvo catástrofe, aí vai seguir. É unha situación moi semellante a que se está producindo en Noia, no banco da Misela, onde tamén hai abundancia de recrutamento.

-Sen embargo, o sector non ten esa percepción.

-Para eles, ese é berberecho que non se pode extraer agora. A súa apreciación está aí, pero non ten nada que ver coa saúde do banco.

-Supoño que despois dos devastadores efectos que tivo a marteilia no berberecho en Galicia, que parecía condenado á extinción, esta é unha boa noticia.

-Si, daba a sensación de que ía desaparecer o berberecho. A marteilia pode diezmar os bancos, e está aí, non o podemos esquecer. Pero segundo as mostraxes que temos feitas, a parte da poboación que presenta esa enfermidade é moi pequena. Así que temos moito berberecho a piques de chegar á talla comercial, e a boa noticia é que está san. Iso non quita que non se siga a traballar no proxecto para conseguir a reprodución en catividade de individuos da ría de Arousa coa intención de obter individuos resistentes á marteilia.

-Sigamos nos Lombos. Hai ameixa?

-Hai ameixa xapónica dentro das marxes dos anos anteriores, igual no marxe máis baixo. Pero tamén hai que ter en conta que desta volta se traballou nese banco ata o 15 de maio. En calquera caso, os datos mantéñense dentro do rango normal dos últimos oito ou nove anos. E estes son datos que sacamos dunhas mostraxes intensivas, porque nese banco temos por riba dos 250 puntos de mostraxe e facémolos de forma replicada, collendo dúas mostras de cada vez.

Martina Miser

-En todo caso, as mariscadoras de Carril teñen denunciando problemas de mortaldade nos seus bancos. E onte mesmo, algúns rañeiros apuntaban a que a falta de marisco nos Lombos podía estar vencellada cunha mancha de lodo que hai uns meses apareceu no río. Pode existir algunha vinculación?

-Nós fixemos mostraxes específicas en nove puntos, de berberecho e xapónica, e non atopamos variacións importantes. O banco dos Lombos está suxeito a un traballo intensivo, porque somos conscientes da importancia social que ten. Ten unha relevancia importantísima, e penso que estamos facendo un bo traballo de seguimento. Somos seis as persoas dedicadas aos tres bancos de libre marisqueo da ría, e dúas máis traballando de forma específica no tema da marteilia.

-Falemos dos outros bancos. Como está de saúde O Bohído?

-No Bohído, a actividade vaise manter polo reló. Hai unha estimación de biomasa de entre 30 e 35 milímetros [a talla para a súa extracción] boa, boa. Babosa tamén vai haber para completar. Algo de fina tamén hai dentro das marxes habituais.

-Hai uns anos Bohído tivo que asumir os barcos que non atopaban marisco nos Lombos, e polo visto no primeiro día de campaña, parece que pode ter que repetir ese papel. Terá músculo?

-O Bohído é un banco moi estable. Aí tomamos mostras en sesenta puntos distintos, e non vimos variacións substanciais no histórico. A estimación que temos nestes momentos é moi similar á doutras campañas, pero se van máis barcos que de costume... Todos sabemos o que pasa. Que o que hai, hai que repartilo.

-E que pasa no Cabío?

-Cabío tamén é un banco moi estable. Polo que estamos vendo, a situación do reló vai ser moi parecida a do Bohído, pero aquí vaise complementar coa ameixa rubia. É unha superficie máis pequena, pero que ten unha flota que traballa alí e que tamén merece atención.