Os dous amigos que se reuniron de novo para volver coroarse na ACT

Chila enrolouse esta tempada na traíña de Santurtzi seguindo o camiño que abrira Risi un ano atrás, conquistando a Liga tras pechar a súa etapa de gloria en Urdaibai


Vilagarcía / La Voz

David Iglesias, Risi, e Óscar Víudez, Chila, despedían o verán do 2018 celebrando o seu terceiro título consecutivo de campións da Liga Eusko Label (ACT) na bancada de Urdaibai. Pouco despois os camiños deportivos destes dous bos amigos do Grove afincados en Bermeo, criados xuntos de nenos na canteira de Mecos, separábanse. Na procura dun «cambio de aires» e unha nova fonte de «motivación», Risi poñía punto final a seis anos na bancada da súa localidade de adopción. Cun trío de títulos na ACT e outros tantos na Bandeira da Concha, ademais de tres de campión de España de traiñeiras e un de traiñeiriñas. O seu destino, a tan só 27 quilómetros, o novo pero altamente ambicioso proxecto de Santurtzi, co seu ex compañeiro e agora adestrador Iker Zabala captándoo a modo de gran fichaxe para o segundo ano na historia da franquicia na ACT. Quinta clasificada na súa estrea no 2018 e terceira no 2019, hai una mes Santurtzi proclamábase por vez primeira campioa da gran Liga do banco fixo español. Con Chila xa enrolado nunha tripulación con outros dous galegos, Fernando Rúa e Diego Hermo.  

Hai un ano Chila decidía seguir os pasos do seu bo amigo Risi, pechando unha década redonda nas filas de Urdaibai, con catro Ligas ACT, cinco títulos da Concha e catro do campionato de España de traíñas como balance. O proceso que o levou a Santurtzi foi un calco do experimentado por Risi. «Necesitaba unha nova motivación, un cambio de aires. Estaba acomodado en Bermeo. Precisaba un novo proxecto ambicioso, un club con ganas de traballar e xente con fame de vitorias», explica Óscar Viúdez. A relación previa con Iker Zabala e a presenza xa de David Iglesias no club dirixíu a Chila a Santurtzi. Conseguir «un dos obxectivos», gañar a Liga ACT, só dous anos despois de ter incorporado o anterior ao seu currículo leva a Chila a valorar como «positiva» a súa estrea no seu novo club, nunha tempada que, porén, lle deixa un sabor agridoce.

«Non saiu todo como gustaría. Comezamos moi ben, pero tivemos un baixón a metade de tempada -un 11º. e un 9º. postos en dúas regatas-, no que os rivais se acercaron», mesmo perdendo Santurtzi un liderado que chegou ostentar con 17 puntos de vantaxe, lembra Viúdez. «Acusamos a falta de inverno -polo confinamento- e estivemos un pouco perdidos nese treito». Pero a vitoria nas tres últimas regatas puntuables asegurou o título. Unha irregularidade á que o meco suma a «tempada difícil» a nivel persoal. Remando só en cinco regatas. Operado de apendicite o 1 de xuño, xusto cando se lle permitiu ao remo volver á auga, pasou cinco semanas no dique seco; un déficit de preparación convertido en lastre durante toda a tempada.

No caso de David Iglesias, a satisfacción foi completa. El si puido colaborar a pleno rendemento no éxito de Santurtzi. Ata o punto de que, por primeira vez na súa carreira, «remei todas as regatas», di.

Desde esa posición, Risi declárase «moi contento» co balance da traíña vasca: «Saímos a pelexalo todo. Tiñamos que gañar algo. E caeu a Liga», ademais do Campionato de Biscaia. A clave, opina, estivo en manter o bloque, «traballando a mesma remada», e «superar os malos momentos, mantendo a cabeza fría cando parecía que nos ían pasar por enriba».

Coa pretempada á volta da esquina, Risi e Chila xa saben que no 2021 voltarán remar xuntos en Santurtzi. O reto, revalidar o título de Liga e a ilusión de gañar, de novo xuntos, A Concha cinco anos despois da última vez.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Os dous amigos que se reuniron de novo para volver coroarse na ACT