«É mellor perder coma un señor ca gañar faltándolles ao respecto aos compañeiros»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Federación Portuguesa de Ciclismo

O vilagarcián Gustavo César Veloso está convencido de que foi o home máis forte na Grandíssima, pero asume a peaxe da estratexia do seu director como parte do seu oficio

14 oct 2020 . Actualizado a las 23:24 h.

Gustavo César Veloso completaba o luns da semana pasada a súa undécima Volta a Portugal. Facíao cun segundo posto na clasificación final, arrebatándolle o último día por 10 segundos a praza de honra a Frederico Figueiredo (Tavira) tras arrincar a contrarreloxio de Lisboa cun minuto de desvantaxa, e quedando a tan só 42 segundos do seu compañeiro no W52-F.C. Porto Amaro Antunes. Veloso arañoulle 31 segundos na crono de 17,7 quilómetros, insuficiente para enxugar o 1.13 co que Antunes lle quitara o xersei amarelo ao vilagarcián na segunda etapa tras saltar do grupo do líder co visto e prace do director deportivo do seu equipo. Repetíase a historia do 2016, cando Veloso non puido encadear o triplete na Grandíssima por unha escapada do seu compañeiro Rui Vinhas bendecida desde o coche do W52-F.C. Porto. Xa con distancia, falamos con Veloso da súa Volta 2020 e dunha dinámica de equipo que volveu xogar en contra do seu palmarés.

-¿Se a contrarreloxio de Lisboa tivese outros 17,7 quilómetros Veloso sería hoxe o campión da Volta a Portugal 2020 como poñía algún afeccionado nas redes?

-Home, pode haber moitas circunstancias, unha caída, un pinchazo... pero se fosen 34 quilómetros seguramente sería quen de recuperar a desvantaxe. Pero a crono foi a que foi, as circunstancias foron as que foron. Eu estou contento igual. Non me raio a cabeza. Fixen unha boa Volta, non o puiden facer mellor do que o fixen. Cando se pon un compañeiro de líder con opción de gañar, toca respectar. O mesmo que me gustaría que fixeran comigo. O rendemento foi bo. Penso que era o máis forte da carreira. Na montaña aguantei cos mellores, e na crono marquei a diferenza. Se as circunstancias foran outras, de ti a ti, sería o máximo favorito a gañar. Pero as cousas son como son. Fixen segundo, e o importante é que gañou o equipo. A táctica do equipo foi boa, fixemos primeiro e segundo. Non hai nada que criticar. A realidade é que o que gaña é o que menos tempo fai.

-Sexto podio nas últimas oito edicións da Grandíssima, con vitorias no 2014 e no 2015. Os números sitúano como o número 1 do ciclismo nas estradas lusas desde o seu regreso aló no 2013.

-Si. Está claro que desde que volvín a Portugal son un referente. Cada ano estou aí. Evidentemente, hai outros ciclistas importantes, pero por resultado pódese dicir que o que sempre está aí son eu. Ao final é así, son números. Para min é un dato anecdótico.

-Repasando eses catro podios sen coroa, e deixando de lado o segundo posto do 2013, co seu grande amigo Álex Marque levantándolle o triunfo na contrarreloxio final, hai quen pensa que se non ten outras tres vitorias na xeral da Volta a Portugal, incluídas as das dúas últimas edicións, é polas decisións do director deportivo do seu equipo, Nuno Ribeiro...

-A ver, o director ó final ten que mirar polo mellor para o equipo, e o mellor para o equipo é que o equipo gañe. Dálle igual que gañe un ou outro. As decisións tómanse na carreira, e nuns momentos poden beneficiarme e noutros prexudicarme. Ás veces son decisións arriscadas que saen ben. Se os equipos rivais tirasen para adiante en Señora da Graça para coller a Amaro -Antunes- as circunstancias serían outras. Quitando o Efapel ningún outro o fixo. Como director, a estratexia -de Nuno Ribeiro- non é mala. Pero si se dá a circunstancia de que sempre son eu o que queda a gardar as costas. Ó final a min páganme para que o equipo gañe, non só para gañar eu. Eu creo que o meu traballo o fago ben. Isto non deixa de ser unha empresa. O romanticismo é moi bonito á hora dos resultados; podes pensar ‘Si, podía gañar 4-5 Voltas'. Tamén podía non ter gañado ningunha. A historia é a que é.

-Pero coincidirá en que poucos directores de equipos grandes mandan atacar a súa tropa cando o seu xefe de filas viste de amarelo, e obrigando a este a apandar con que un gregario o poida desbancar sen permiso para respostar desde o pelotón...

- Ben, a ver. En principio eu non era o xefe de filas cando comezou a Volta a Portugal; érano João Rodrigues -vencedor da Volta o ano anterior- e Amaro Antunes. A estratexia saíulle ben ao noso director, e saíndolle ben, non hai nada que dicir. Corro no equipo no que estou, se teño que perder para que gañe un compañeiro e non axudar a levar os rivais onda el, fágoo. Ao final a responsabilidade é do director. Se ó final na contrarreloxio Fred -Frederico Figueiredo- gaña a Volta e o meu compañeiro queda segundo e eu terceiro, quedaríalle cara de parvo. Sería unha viaxe para todos. Como a de Roglic no Tour. Esas cousas poden pasar. Hai que ter unha estratexia, pero a estratexia cámbiase no camiño. Isto non é a play-station. Se tes dúas bazas é mellor que ter unha. Repito, non me arrepinto de nada. É mellor perder coma un señor ca gañar faltándolles ao respecto aos compañeiros. Porque ó final hai cinco compañeiros que están a traballar para que un ou outro compañeiro gañe. Esa é a parte na que o ciclismo é un deporte de equipo. Ninguén pode gañar se non hai un equipo traballando. Non só é cuestión do director. Hai máis persoas traballando que merecen respecto como calquera. E sendo así, quédaste aí, e xa está, pegado aos rivais. Igual se fora máis egoísta tería todo en contra e non tería o equipo traballando para min. Eu estou contento, gañei dúas etapas e fixen segundo na xeral, fun o máis forte da Volta. Cando asino -contrato- non o fago para gañar a Volta senón para estar en disposición de poder disputala. Se chego a ela e gaña outro compañeiro, non hai que facer máis historia.

«Prefiro deixalo estando ben a ver ata onde podo dar»

O vilagarcián do W52-F.C. Porto segue a traballar co XXX Grande Prémio Jornal de Notícias como única e, en principio, última cita na súa axenda 2020, do 28 de outubro ao 1 de novembro.

-Véndoo en acción nas contadas carreiras que puido disputar neste 2020 marcado pola pandemia, semella que lle quedan pernas para seguir saíndo nas fotos varios anos. ¿Seguro que o 2021 porá o punto final á súa carreira como ciclista profesional?

-Teño claro que despois do 2021 o deixo. Ao final a xente só ve a parte física, pero hai moitas máis cousas. Unha familia, moitos sacrificios máis para poder ser ciclista. Chega un momento en que economicamente non compensa, e o romanticismo de gañar carreiras remata cando conseguiches máis do que eu nunca imaxinara cando comecei de profesional, ter o palmarés que teño. Xa demostrei o que tiña que demostrar. Chega un momento en que a balanza se desequilibra. E eu prefiro deixalo estando ben e non ver ata onde podo dar dentro de dous anos. O corpo queiras que non págao. Evidentemente atópome ben, consigo chegar a un bo estado de forma. Pero non teño 20 anos, aparecen dores que antes non tiña. Cáeste e esmendréllaste todo cando antes parecía que rebotabas. Son moitos anos aí e é moito desgaste físico, pero sobre todo psicolóxico. Se tivese cabeza para chegar aos 45 anos teño claro que podería aguantar non sei se para gañar, pero polo menos para ser un bo ciclista. E este ano, co tema do coronavirus, desanimeime máis.

-¿Sabe xa se se retirará enfundado na camisola do W52?

-Pois non o sei aínda. De momento acabei a Volta a Portugal, e non pensei onde vou correr. O primeiro que vou facer é falar co equipo no que estou agora. Evidentemente, hai unha parte sentimental e unha parte racional, que non sempre están de acordo. Entra a familia, a xente que tes cercana, e terei que tomar a decisión chegado o momento.