Estes son os posibles rivais do C.D. Ribadumia na previa da Copa do Rei

Real Titánico, Revilla, Anaitasuna, Racing Rioja ou Diocesanos, o atranco para entrar no bombo


Vilagarcía / La Voz

O C.D. Ribadumia redondeou o domingo o seu ascenso á Terceira División co título de campión da Preferente Galicia 2019/20. Un título acompañado dunha praza na previa da Copa do Rei. Se os homes de Luis Carro xa fixeron historia no club, poñer a guinda ao pastel pasa agora por superar a eliminatoria previa que disputarán os 20 campións das categorías rexionais do Estado e gañarse así o dereito a xogar a primeira rolda do torneo do k.o. ante un Primeira División o 16 de decembro no Campo da Senra.

Pendentes do correspondente sorteo por parte da Real Federación Española de Fútbol, a directiva do C.D. Ribadumia confirmaba onte o nome dos cinco posibles rivais no cruce previo, programado para o mércores 11 de novembro. Real Titánico de Pola Laviana (Asturias), SD Revilla de Camargo (Cantabria), C.D. Anaitasuna de Azkoitia (Euskadi), Racing Rioja de Logroño ou Diocesanos de Ávila (Castela-León) será o obstáculo que deba superar o conxunto aurinegro para gozar e facer gozar a súa afección dun partido contra calquera dos 16 conxuntos de Primera División alleos á vindeira edición da Supercopa de España; isto é, todos agás o Real Madrid, F.C. Barcelona, Real Sociedad e Athletic Bilbao.

«Soou a frauta dos penaltis, e a verdade, estamos moi contentos. É un fito histórico para o C.D. Ribadumia», declaraba onte o seu presidente, Toño Serantes.

Acatarán a maioría na Liga

Respecto á posibilidade de que o equipo acabe renunciando a disputar a Liga de Terceira, cuxa primeira xornada está fixada para este domingo, o mandatario do club desvelou que tras o triunfo a penaltis sobre o Viveiro o domingo «a maioría da directiva acordou respectar o que decida a maioría dos clubs de Terceira» logo da xuntanza desta tarde cos responsables da Real Federación Galega de Fútbol tras advertir boa parte dos equipos dun posible plante se non se melloran as medidas anti covid-19 que se lles esixen.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Estes son os posibles rivais do C.D. Ribadumia na previa da Copa do Rei