O Fontecarmoa queda a tan só medio punto de volver facer historia

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

Remata terceiro o Nacional de Clubs prexudicado no desempate co Ourense

10 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Crudelísimo terceiro posto final o colleitado polo C.X. Fontecarmoa-Viajes Interrías Sanxenxo na súa estrea na Primeira División do Campionato de España de Clubs de Xadrez. Unha cita á que acudía en Padrón co obxectivo de evitar os dous últimos postos e repetir na categoría de prata estatal, na que se estreaba tras catro participacións na Segunda División. Unha cita que concluía a primeira hora da tarde de onte a tan só medio punto de ocupar a segunda praza na clasificación final e ser o equipo que acompañase ao intratable Sestao á División de Honra a vindeira tempada. O C.D.X. Ourense será o seu compañeiro na feliz viaxe ao ceo.

Tras unha inesperada derrota co catalán Barberá na penúltima rolda, o C.X. Fontecarmoa chegaba onte ao emparellamento decisivo co vento aparentemente a favor. Bastáballe con empatar ou gañar conseguindo o mesmo resultado que fixera o outro conxunto galego no torneo, e que o Barberá non se impuxese no seu cruce se os vilagarciáns non eran quen de pasar da igualada cun Stadium de Zaragoza practicamente descendido. Ningún dos tres implicados no triplo empate polo segundo posto da clasificación fallaron. O Barberá impúxose 2-4 ao Grandama Santa Lucía, e o C.X. Fontecarmoa 3,5-2,5 ao seu derradeiro adversario, insuficiente vendo o C.D.X. Ourense derrotar o Oromana Schneider.

Julio Suárez e Roi Reinaldo gañaron os duelos de Mestres Internacionais nos dous primeiros taboleiros a Diego Adla e a Pablo Glavina, respectivamente, e Andrea Dorado o do sexto a Asunción Gracia. No terceiro taboleiro Héctor Láiz asinou táboas con outro Mestre FIDE, Alberto Quintín. Pero a filosofía do equipo vilagarcián, que sempre aposta por imprimir o selo da valentía ao seu xadrez por diante do resultado final, acabaría castigándoo nas partidas de Lucas Abal e Luis Segura, que perderon no cuarto e no quinto taboleiros con Álvaro Bayo e con Alberto Vela.

«Unas tablas en cualquier momento del torneo nos habrían bastado para ascender», comentaba practicamente nada máis rematar a derradeira rolda o capitán do C.X. Fontecarmoa. Julio Torrado confesou que «Ahora lo llevamos mal, cuando lo tienes tan cerca. Dolidos, por ver que lo tocabas con la yema de los dedos». Dito isto, o vilagarcián cualificou de «excepcional» o Campionato de España feito polos seus xogadores, «todos jugando por encima de su nivel». E lembrando que a Padrón chegaban co ELO -ránking de forza- máis baixo de entre os oito equipos. A frustración non debe agochar un novo brillante capítulo na traxectoria do modesto club arousán.