Comeza o duro, con tres portos de primeira, dous de cuarta e final na Señora da Graça

p. penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

29 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Salientou onte ao termo da primeira etapa en liña Gustavo César Veloso ante as cámaras da RTP, a televisión pública portuguesa, que «o equipo fixo un gran traballo, sobre todo Samuel Caldeira», o seu velocista, que se quedou uns quilómetros antes da chegada tras valeirarse na caza ao home do día, o fuxido Marvin Scheulen. «Non ter caídas e non perder tempo» era o obxectivo, cumprido, co que encaraban a chegada a Viana do Castelo no W52-F.C.Porto. Porque, como todo o pelotón, no equipo de Veloso sabían que «mañá -por hoxe- teremos unha das etapas máis decisivas».

38 quilómetros subindo en 1ª.

Con dúas etapas menos do que é habitual, a edición especial polo covid-19 da Volta a Portugal decidiráse, se non toda, nunha altísima porcentaxe entre as dúas xornadas de alta montaña. A do xoves, con final en Torre. E a de hoxe, cos 167 quilómetros con saída en Paredes e final en Mondim de Basto, nun alto, o da Señora da Graça, convertido nun dos templos do ciclismo galego-portugués. O último dos tres portos de primeira categoría que os corredores deberán cubrir, tras os da Serra do Marão, no quilómetro 96, e o de Barreiro, no 131,7, con 38,8 quilómetros picando cara arriba entre os tres. Dúas dificultades de cuarta categoría, (qms. 11,6 e 110,7) contribuirán a endurecer outro punto unha xornada na que os ciclistas chegarán esixidos cando toque cubrir os 8 quilómetros finais de rampas ata a Señora da Graça.