Todos os concellos do Salnés, agás Vilanova, adhírense á Rede Ágora de mellora da mobilidade

O programa está impulsado pola Deputación de Pontevedra


Vilagarcía

Tres de cada catro municipios da provincia, un total de 44, formalizaron a súa adhesión á Rede Ágora de concellos pola recuperación do espazo público impulsada pola Deputación.Trátase dun proxecto do departamento de Mobilidade que ten como obxectivo que os municipios da provincia multipliquen o espazo destinado ás persoas nas vilas, cidades e calquera núcleo de poboación reducíndoo aos vehículos a motor.

O deputado Uxío Benítez, promotor da iniciativa, destacou hoxe a súa satisfacción pola boa acollida do modelo. «Entendemos que é un grande éxito de participación e de acollida. Veremos de agora en diante, xa que o compromiso é incrementar o espazo público para as persoas (…), e en xuño de 2023 temos que demostrar con datos que Ágora serviu para algo», afirmou.

No caso da comarca do Salnés participan neste proxecto os municipios de Vilagarcía, Sanxenxo, O Grove, A Illa de Arousa, Cambados, Ribadumia, Meaño e Meis. O único concello que queda fóra é o de Vilanova.

A inclusión na Rede Ágora suporá para os concellos a participación en programas e axudas provinciais, a recepción de asesoramento por parte de persoal especializado, a captación de recursos externos para financiar proxectos (nomeadamente fondos europeos), a representación nas redes ‘Cidades que Camiñan’ e ‘Cidades pola Bicicleta’), a participación en cursos, conferencias e exposicións, así como no impulso en accións de sensibilización nos centros educativos.

Benítez lembrou que acaba de rematar a Semana Europea da Mobilidade e subliñou que «hai que dicir que neste recuncho de Europa naceu unha iniciativa que vai ser exitosa e nós pasamos a unha seguinte fase que é lanzar iniciativas para conseguir os obxectivos».

Algunhas desas iniciativas previstas para os vindeiros meses son a creación dun consello asesor participado por profesionais de recoñecido prestixio, a realización de liñas de subvencións para proxectos de recuperación do espazo público, a creación dunha «Facultade Ágora» para formación de persoal técnico, unha mesa de traballo, así como a celebración dun Congreso Internacional e os Premios Ágora ás mellores intervencións no espazo público da provincia.

Ademais do proxecto Ágora, o deputado de Mobilidade tamén confirmou que os técnicos provinciais xa teñen visitado máis de 15 concellos da provincia que pediron asesoramento para implantar políticas e actuacións tácticas urxentes de ampliación do espazo público a raíz da situación motivada pola crise do covid-19.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Todos os concellos do Salnés, agás Vilanova, adhírense á Rede Ágora de mellora da mobilidade