O Arousa mídese de novo ao Celta B, na Lomba sen público

O equipo presentaráse o 10 de outubro nun partido que o club agarda de portas abertas


Vilagarcía / La Voz

O Arousa disputa esta tarde, desde as cinco no céspede do estadio da Lomba, o seu segundo partido de rodaxe de cara ao debú ligueiro o 18 de outubro. Enfronte, o mesmo rival co que o conxunto de Rafa Sáez se probaba por primeira vez esta pretempada, o pasado sábado no campo vigués de Barreiro. Un Celta B que xogaba o seu primeiro encontro tras o decreto do estado de alarma en marzo, máis de medio ano despois. O resultado, un 5-1 a prol do filial olívico, que reflectíu tanto a diferenza de categorías entre un Segunda B e un Terceira División, como o mes de vantaxe que lle saca o cadro vigués ao vilagarcián, con este último con tan só cinco sesións de adestramento nas pernas inda.

Con practicamente o mesmo marco hoxe Rafa Sáez aproveitará a ocasión para seguir dándolles minutos a todos os seus efectivos. Tanto os 18 contados futbolistas con ficha no primeiro equipo, ao que comeza a urxirlle un segundo porteiro que acompañe a Manu Táboas na demarcación, como os tres xuvenís que iniciaron a pretempada na dinámica do colectivo dirixido polo adestrador pontevedrés, isto é, Conde (porteiro), Rodrigo Lijó (mediocentro) e o dianteiro Nico. Este último, de feito, foi o autor do gol da honra arlequinada na visita ao campo de Barreiro.

O protocolo en vigor da Fundación de Deportes de Vilagarcía, titular do estadio da Lomba, impide a presenza de afeccionados ao partido desta tarde, pese á que a normativa autonómica ao respecto xa permite o acceso de ata 1.000 seareiros aos recintos abertos sempre que estes permanezan sentados e exista unha separación de metro e medio entre eles.

Xestionando un rival de renome

A intención da directiva que preside Manolo Abalo é que os socios e demais simpatizantes do Arousa poidan coñecer en directo a nova versión do equipo arlequinado o vindeiro 10 de outubro, no que será o seu partido de presentación. Un encontro a oito días do debú ligueiro para o que se está a xestionar un rival de renome de Segunda División B.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Arousa mídese de novo ao Celta B, na Lomba sen público