O cuarto posto en Torres Vedras, carta de presentación de Veloso para a Volta

A unha semana do inicio da gran rolda lusa, o vilagarcián confirma as boas sensacións que transmitira un mes atrás nos Campionatos de España


vilagarcía / la voz

Cuarto na segunda e derradeira etapa e cuarto na clasificación final do 43º. Gran Premio Internacional de Torres Vedras-Trofeo Joaquim Agostinho. Gustavo César Veloso concluíu o último test que cada ano precede a Volta a Portugal deixando motivos para o optimismo a tan só sete días do inicio da rolda lusa. Un último test reducido á metade respecto ao seu formato habitual nos últimos anos, desprazado dous meses no calendario por un positivo por covid-19 dun integrante da súa organización, unha das razóns de peso que adiaron a propia Volta a Portugal.

«Aí andivemos na pelexa», comentaba onte o corredor de Bamio. O sábado, na primeira etapa, 145,6 quilómetros con saída e con chegada a Torres Vedras, entrando no grupo cabeceiro do que saíu o gañador ao esprint, o ciclista do Efapel Luís Mendoça. O domingo, entre os mellores no duro ascenso ao parque eólico da Carvoeira, meta dunha etapa con saída en Turcifal e 145,2 quilómetros de trazado, que atravesou a só 15 segundos do gañador do día e da xeral, Frederico Figueiredo, do Tavira. Veloso concluíu o díptico luso como cuarto mellor da xeral, a 25 segundos de Figueiredo, a 20 de Luis Gomes (Oliveirense) e a 17 de Mendoça.

«Ao principio as sensacións eran raras, logo de tanto tempo sen correr. Pero ao final estaba adiante, que é o que importa. Acabei tendo boas sensacións e con iso é co que hai que quedarse», declara o vilagarcián do W52-F.C. Porto. Un equipo que competíu cos sete homes cos que tentará encadear a súa oitava vitoria na xeral individual da Volta a Portugal a partir deste domingo, e que completan Amaro Antunes, João Rodrigues, Daniel Mestre, Ricardo Mestre, Rui Vinhas e Samuel Caldeira. Os dous primeiros, fóra da loita polo triunfo no G.P.I. de Torres Vedras involucrados nunha caída a 9 quilómetros da chegada ao parque eólico da Carvoeira.

Veloso, que se presentaba á cita da pasada fin de semana con tan só cinco días de competición nas pernas neste estraño ano de pandemia, engadíu novos motivos para o optimismo de cara á Volta a Portugal aos décimos postos que un mes atrás colleitaba nas probas de contrarreloxio e en liña dos Campionatos de España, en Jaén. Aos seus 40 anos, o arousán tira de veteranía para contextualizar as súas actuacións: «É un ano atípico, no que pode pasar de todo. Ir día a día, é o que queda».

Concentración desde o mércores co equipo

Gustavo César Veloso concentraráse desde mañá mércores xunto co resto dos integrantes do W52-F.C. Porto que o domingo en Fafe iniciarán a Volta a Portugal. Unha rolda que arrincará cun prólogo en forma de contrarreloxio individual de 7 quilómetros na localidade do distrito de Braga, con sete etapas en liña e unha última contrarreloxio, o luns 5 de outubro en Lisboa, de 17,7 quilómetros.

Un moi combativo Ángel Sánchez liderou a proba varios quilómetros

O corredor cambadés do MIranda-Mortágua rematou segundo na xeral da Montaña

Precisaba Ángel Sánchez recuperar a liberdade perdida a cambio da seguridade blindada nos seus cinco anos no W52-F.C. Porto. E o cambadés non está disposto a desaproveitar ocasión para tentar facerse ver no gran pelotón co xersei do modesto Miranda-Mortágua portugués. A última, o Gran Premio Internacional de Torres Vedras, no que a súa combatividade quedou reflectida no seu segundo posto na clasificación da Montaña, a tan só 1 punto do gañador da camisola correspondente, Pablo Guerrero, do Burgos-BH. Pero tamén na vixésimo terceira praza na clasificación individual final, a 1 minuto e 38 segundos do gañador, Frederico Figueiredo (Tavira).

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O cuarto posto en Torres Vedras, carta de presentación de Veloso para a Volta