O GALP organiza na ría varios cursos de igualdade no ámbito pesqueiro

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Desenvolveranse este mes en Vilagarcía e Boiro

10 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O Grupo de Acción Local do sector pesqueiro Ría de Arousa (GALP), está a desenvolver un proxecto de igualdade que comezou hai xa unhas semanas, con varias xornadas formativas en Vilanova de Arousa. Foron no mes de xullo, e contaron coa participación de vinte e cinco mulleres con diversos perfís profesionais -mariscadoras, rañeiras, bateeiras, percebeiras, conserveiras, e mulleres en postos organizativos das confrarías e asociacións. Agora, en setembro, terán lugar outras dúas xornadas formativas.

A primeira delas desenvolverase no centro social de Escarabote (Boiro) o vindeiro día 15. Xirará sobre a saúde laboral, e estará impartida por Alfonso Pérez Santiago (xefe do centro territorial do ISSGA) e Jorge Busto Barreiro (xerente de ASEMAR). «Nesta xornada abordaremos temas como as enfermidades profesionais, os coeficientes redutores, as boas prácticas na extracción e procesamento de recursos mariños, e o Réxime do Mar». Na segunda charla falarase de dereitos laborais. Dela encargarase Emma Rodríguez, doutora na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que abordará cuestións como a xubilación, os traballos a tempo parcial, ou a conciliación. Esta xornada levarase a cabo no auditorio de Vilagarcía, o 22 de setembro, ás seis e media da tarde.