O Ribadumia dubida se comezar a adestrar xa

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Desde o club da Senra non saben se iniciar esta semana o traballo co seu propio protocolo, ou ben agardar sete días máis polo da Federación Galega

07 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun mar de dúbidas navegaba onte o vilanovés Luis Carro. A intención do adestrador do C.D. Ribadumia é que o seu equipo comece a prepararse para o debú ligueiro do 18 de outubro esta semana. Deste xeito, contaría con mes e medio de pretempada. Marxe inda así insuficiente para o que Luis Carro considera necesaria nestes tempos: «A min gustaríame que despois de medio ano parados, fosen 7 ou 8 semanas».

O problema para o técnico do C.D. Ribadumia é que a súa marxe podería acabar recortándose inda máis. E é que no club aurinegro dubidan se tirar adiante co protocolo hixiénico-sanitario elaborado pola propia entidade para as instalacións municipais da Senra, ou ben agardar polo que publique o luns 14 a Real Federación Galega de Fútbol. E iso, inda co apoio pechado do Concello de Ribadumia que, polo que sabe Luis Carro, se tería comprometido a ocuparse do labor de desinfección diaria do recinto da Senra.