«A xente da cultura tamén ten que comer»

Na pomada do mercado mundial da ciencia ficción,  Luis Miguel Rosales forzou no seu día o cambio do nome dunha gran canle de televisión americana


vilagarcía / la voz

«Lembro unha noite na miña casa, tería uns 6 anos, que botaban unha das pelis de Drácula protagonizadas por Christopher Lee. Quería vela, pero en canto apareceron os dous rombos mandáronme á cama. Crucei o pasillo desde a miña habitación para vela sen que se enterasen meus pais. Asomei a cabeza e vin aparecer a Christopher Lee reptando por unha parede. Din un grito do carallo». Aquela noite Luis Miguel Rosales (Vilagarcía, 1975) pasouna tapando a cabeza cunha manta «pensando que Drácula ía entrar na miña habitación pola parede». O que para moitos outros tería acabado nun pequeno trauma infantil e arrepíos polo xénero servíulle ao arousán para arrincarlle moitos anos despois a Christopher Lee unha gargallada en Londres diante dun té na vivenda da estrela do cinema de terror e de ciencia ficción. Unha desas incontables «tardes marabillosas» que a súa paixón lle regalou a Rosales ao longo dos 15 últimos anos, empurrándoo a proxectos coma o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía, programado do 23 de outubro ao 1 de novembro, ou a traballar con multinacionais do audiovisual, e ata obrigar a algunha delas a cambiar o nome dunha das súas canles estrela.

«Sempre me gustou o xénero da fantasía», di. Para mostra, o botón de Dragon Slayer, o fanzine que Rosales sacou adiante con 15 anos xunto a uns amigos cos que montara un dos primeiros grupos de rol de Galicia.

Covertido en deseñador gráfico profesional, Luismi dedicou o seu tempo libre a buscar a forma de participar na engranaxe que traslada a fantasía ao papel e ao celuloide. Foi así como comezou colaborar «cunha xente dunha web que facía carátulas non oficiais de películas e de series fantásticas non editadas en España».

No 2005 «pensei que había que darlle unha saída a todo o material que acumularamos». E así, «coa axuda dos amigos», naceu Scifiworld, unha iniciativa sen grandes pretensións elevada co tempo a publicación especializada na ciencia ficción e no terror máis lonxeva de España -136 números ata a súa clausura a finais do 2018-. «Colgamos o primeiro número da revista en PDF, e para a nosa sorpresa, nun mes tiñamos 60.000 descargas de todo o mundo», lembra Luismi. Só un ano despois «chamarónnos da filial española da NBC Universal», un dos grandes do audiovisual mundial. Ían desembarcar en España coa súa canle Scifi, e dixéronnos que deixaramos de editar a nosa revista para publicar a súa». Aceptaron. Mantendo a súa liña editorial, con concesións estéticas menores e a retirada de world da cabeceira. Ata que a decisión do equipo de Luismi de lanzar unha web propia vetada por NBC Universal e que «cada vez nos impoñían máis contidos» levou á ruptura aos 2 anos, co arousán gañándolle nun tribunal de patentes a partida ao Goliat americano polo nome da súa publicación. A razón, conta, de que a canle Scifi se chame desde finais do 2007 Syfy.

Recobrada a liberdade da revista, Luismi e os seus empezaron explorar novos formatos. Desde a edición de libros sobre actores e autores do fantástico, pasando pola organización dun concerto de Christopher Lee en Estepona -tamén era cantante- ou un documental sobre Paul Naschy.

Este último traballo, unha produción a varias bandas no 2010 presentada no festival de terror de Sitges, iniciou a concatenación de proxectos solapados que sitúan hoxe a Rosales na pomada da industria audiovisual mundial. Os promotores do documental reviviron o festival de cine fantástico de Madrid, rebautizado como Nocturna, que Luismi dirixíu entre o 2013 e 2017, compaxinándoo coa dirección do Curtas -desde o 2015, por amor á arte- e a colaboración con varios dos grandes certames do xénero como os de San Sebastián, Neuchâtel ou Sitges coa ilustre axenda de contactos de Rosales na man, «axudándolles a conseguir películas, convidados, editando os seus libros...». Descargada a mochila do traballo de deseñador gráfico, para dedicarse desde o 2013 a labores de producción. Desde hai catro anos como responsable de adquisicións de dereitos cinematográficos de ciencia ficción e terror da produtora catalana Wild Duck para a súa colocación no mercado español, no que o ano pasado lanzaba a primeira plataforma especializada no xénero, Planet Horror.

A pandemia eliminou as viaxes ás grandes feiras e festivais internacionais da rutina de Rosales. «A realidade ás veces supera a ficción», comenta. «A xente baleirando os súpers ao principio da corentena é unha imaxe que vin tropecentas mil veces na pantalla». Neste punto, o arousán rompe unha lanza en favor da cordura, e da cultura: «O importante é avanzar sen medo, con precaución pero sen medo. Non podemos parar a vida polo bicho. E sobre todo, non deixar de lado a cultura. A xente da cultura tamén ten que comer».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

«A xente da cultura tamén ten que comer»