Media ducia de arousáns buscan praza na única cita internacional do ano

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

Natalia García encabeza a frota local no selectivo para a Copa do Mundo, que inclúe a Fontán, María Pérez, Iago Monteagudo, Noel Domínguez e David Barreiro

03 sep 2020 . Actualizado a las 10:19 h.

A pandemia converteu o amplo calendario de competicións estatais e internacionais de esprint nun folio en branco, máis aló da Copa do Mundo de Szeged, Hungría. Fixada para os días 24, 25, 26 e 27 do presente mes, será esta a única oportunidade dos especialistas españois de testar nunha cita de alto nivel o seu estado de forma tras medio ano entre a parálise inicial polo confinamento e a ausencia de regatas; e tamén de optar a escribir unha liña con letras maiúsculas nos seus palmarés. Así as cousas, a Real Federación Española de Piragüismo fixou un control selectivo para a elección dos padexeiros que integrarán o equipo nacional na cita húngara, esta semana, o venres, sábado e domingo, no encoro pontevedrés de Verducido. E se ben non están todos os que son, con ausencias notables como as de Camila Aldana Morison ou Diego Romero e, sobre todo, a da canguesa afincada no Grove Teresa Portela, a frota arousana que opta a praza internacional nesta estraña tempada é ampla e ambiciosa.

Media ducia de padexeiros do Salnés ou con ficha en clubs da bisbarra figuran entre o arredor dun cento de inscritos no control selectivo para a Copa do Mundo de Szeged, no que se dilucidarán os ocupantes de catorce embarcacións. As dez individuais e dobres do programa olímpico máis o C1 200 e C2 500 e os K1 e K2 500 masculinos.

A grovense Natalia García parte como principal baza arousá en Verducido. É tamén a padexeira da comarca que aspira a máis embarcacións no equipo que acudirá a Hungría. Concretamente, aos K1 200 e 500 e ao K2 500. Neste último barco, facendo equipo coa vasca Begoña Lazcano, compañeira do equipo nacional sénior de kayak feminino, presente no selectivo ao completo máis aló da ausencia xa apuntada de Teri Portela.

Outros dous deportistas do Breogán do Grove, o madrileño Noel Domínguez e o cangués David Barreiro, loitarán pola súa parte polos asentos no C2 1.000, formando parella, e no C1 1.000. Co canoísta vilanovés do Náutico O Muíño de Ribadumia Manuel Fontán entre os seus rivais na embarcación dobre do quilómetro, na que une forzas con Pablo Graña, do Rodeira de Cangas, campión do mundo no C2 200 no 2019. Fontán e Graña pugnarán á súa vez polo pasaporte internacional no C2 500.

A cambadesa do Náutico O Muíño María Pérez pelexará por regresar ao panorama internacional no C1 200 e no C2 500, formando coa andaluza Carmen Chaves Garcia-Donas nun intento por dar a sorpresa ante as dúas tripulacións favoritas, a de Antía Jácome e Antía Otero, do Ciudad de Pontevedra, e a que reúne a Patricia Coco e María Corbera.

Quen semella telo máis complicado á hora de optar a praza na Copa do Mundo de Szeged é o meisino do Naval de Pontevedra Iago Monteagudo, que no K1 1.000 e 500 se medirá a grandes nomes do panorama internacional como os de Íñigo Peña, Paco Cubelos e o tomiñés Roi Rodríguez.