Unha poderosa experiencia sonora en «Vileixoán» da man de Xurxo Souto

Revenidas organizou un roteiro musical


vilagarcía / la voz

«¡Medre Vileixoán!», berraba Xurxo Souto. «¡Medre!», respondía a tribo. «¡Medre Revenidas!». «¡Medre!». Dende o principio quedou claro que a ruta por Vilaxoán que Revenidas organizou onte dentro do seu programa paralelo ao festival ía ser poderosa. Poderosa e vingativa. «Unha experiencia sonora», como o músico encargouse de definir porque «todo Vileixoán é música».

E iso quedou claro tamén dende o principio, porque non faltaron as cancións en ningún momento dese fantástico percorrido musical.

Un percorrido que arrincou nas Eiras e fíxoo xa dun xeito moi especial, xa que a viaxe comezou coa visita ás pías onde se salgaban os congros e as sardiñas. Aí foi Carlos Rey o encargado de describir a historia dun lugar que está pechado ás visitas e que onte abriu de xeito excepcional. Entrando de quince en quince para escoitar como o mar chegaba ata alí, e imaxinar que onde hoxe hai recheo antes había auga. E cando Carlos calaba era a quenda de Joel Padín. Da súa voz, da súa pandeireta, da súa arte.

Aínda non comezaramos a andar e xa sabiamos que foi en Vilaxoán onde se fixo a primeira batea de Galicia. No 1948 e copiada dos xaponeses. Cándido Meixide lembrou as míticas regatas entre o Carmelo de Vilaxoán, e a Manuela, de Rianxo. E tamén xa aprenderamos que aquela anexión das terras vilaxoanesas polos ingleses vilagarciáns aínda anda aí. Anda no himno de Vilaxoán que cantaron, con Carmiña e Morocha ao mando das operacións, diante da casa do último alcalde, e anda cando reivindican que o Concello repoña o cacho que lle falta á fonte da praza Rafael Pazos. «Fáltalle a alcachofa», dixo Cándido.

Alí, na praza Rafael Pazos, lembrou Xurxo Souto a Máximo Patiño, que era quen de dirixir a todo un pobo para que cantara. E era quen de berrarlles se o facían mal. E lembraron tamén a Manso. E cantaron Luz Divina, un clásico de Vilaxoán Canta.

No pazo de Pardiñas

E do mar ao verde. Outra intromisión nun lugar vetado habitualmente: nos xardíns do pazo de Pardiñas. «Non vexo pedras neses muros, vexo as sardiñas e o millo co que se fixeron», dixo Xurxo Souto. Pero seica os donos actuais non son como os de antes, e chegou, de súpeto, un afago ao Concello de Vilagarcía, que anda a negociar que os xardíns pasen a ser un espazo público.

Non quedou aí a cousa. Houbo paradas na praza do Eirado, no lavadoiro, no cruceiro da casa do cura e rematou a cousa no pazo de Sobrán. Sempre falando. Sempre cantando. E na igrexa, tamén. Alí falou Luís, o de Maraghota e media. Outro clásico vilaxoanés. Logo tocou mollar a palleta. Con viño das Rías Baixas e tamén con conservas, claro está.

Unha xornada completa, que gozaron as moitas persoas que participaron nela, e que dende Revenidas pensan que aínda pode ser mellor nos vindeiros anos. Este ano xa houbo invasións de terreos vedados, como as pías da salga ou os xardíns do pazo de Pardiñas. Se cadra, aínda hai algún máis que pode ir caendo en vindeiras edicións. Poderío hai en Vilaxoán para iso e para moito máis.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Unha poderosa experiencia sonora en «Vileixoán» da man de Xurxo Souto