Un novo campo de voluntariado centrarase na loita contra as especies invasoras

La Voz O GROVE / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Unha ducia de rapaces galegos participarán no Grove desta experiencia, que mestura traballo e lecer

28 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O municipio do Grove vai ser sede da segunda edición do Campo de Voluntariado «A terra que habita o mar», organizado pola Consellería de Política Social dentro do programa xuvenil «O Verán que necesitas». Desenvolverase entre os días 1 e 12 de setembro e terá como escenario o cámping Os Fieitás. O campo terá unha temática medioambiental que tratará de poñer en valor o Concello do Grove a través de traballos de limpeza e extracción das especies invasoras, recuperación das estruturas de observación ornitolóxica e deseño e colocación de carteis, entre outros cometidos.

O Concello, que colabora na organización desta experiencia, recorda que por mor das medidas relativas ao covid-19, este ano «o campo muda de ámbito, polo que pasará de internacional a autonómico e reducirá o número de participantes. Xa que logo, nesta ocasión serán só doce mozas e mozos galegos de entre 18 e 30 anos quen participen». As persoas voluntarias serán compensadas parcialmente polo seu esforzo co aloxamento e manutención no cámping, ademais de con actividades turísticas, culturais e de lecer.

No ano 2019 constatouse o importante labor dos voluntarios e voluntarias, que asumiron e remataron tarefas como a recollida de máis de tres toneladas dunha planta invasora do ecosistema dunar que reduce a biodiversidade.