As Revenidas ficha a Sés e Dakidarría para a edición de setembro

AROUSA

MARTINA MISER

A cita de Vilaxoán adáptase a un formato de 500 persoas, cun detalle para quen non devolveu a súa entrada

21 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A edición máis complexa das Revenidas vén de confirmar os primeiros nomes do seu cartel, que se desenvolverá entre o 10 e o 13 de setembro. Trátase dun formato de outono en conserva, especial para seguir a flote nestes tempos de coronavirus, que combinará concertos de pago con actividades de balde e sempre un enganche irrenunciable coa cultura mariñeira. De momento, os anuncios non teñen pega. As moitas caras musicais de Sés estarán enriba do escenario de Vilaxoán xunta a mestura de folk, blues e rock que practica a banda atlántica de Zeltia Irevire. Será o venres, día 11.

Nin un pero tampouco para a xornada do sábado, na que a proposta elástica e comprometida de Dakidarría volverá a Vilaxoán, onde os do Valmiñor gravaran o seu directo De Cuncas E De Mar, hai xa catro anos. Será un concerto en acústico que compartirá espazo coa cumbia de Ortiga. A organización explica que, deste xeito, o festival mantén unha esencia que bebe dos artistas do país, e desta volta se dirixe a un público reducido, só cincocentas persoas, con todas as medidas de seguridade precisas para reafirmar que a cultura é segura fronte a pandemia.

  

«Showcooking» e circo

O obxectivo desta edición en conserva é manter un punto de encontro seguro co público de Revenidas malia a que está a caer. Deste xeito, a programación de pago terá o seu complemento con concertos e actividades de balde relacionados co territorio e coa cultura do mar de Arousa. Nesta pequena cita terán tamén un oco as demostracións gastronómicas, que van collendo calor co paso dos anos, os roteiros e o circo.

Máis aló de que os bonos e as entradas adquiridas antes do anuncio do aprazamento servirán para As Revenidas 2021, a organización quere ter un detalle para todos quen non fixeron a devolución dos seus pases e decidiron conservalos para o ano que vén. Ese detalle traducirase nunha prevenda con desconto que se iniciou onte e ficará aberta ata o martes, día 25, ás doce do mediodía. A partir de entón, o resto do público poderá tamén mercar as súas entradas na web oficial do festival: www.revenidas.com.

Os agradecementos

Conscientes da dificultade de erguer un festival deste calibre, aínda no seu formato máis cativo, os organizadores quixeron agradecer onte o labor dos artistas e de todos os traballadores que o fan posible, ademais da fidelidade do público. Entre as institucións, Concello de Vilagarcía, Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas a través da marca Rías Baixas Fest, a Xunta, Xacobeo 21 e Agadic a través de Fest Galicia. E tamén os patrocinadores privados como Martín Códax, Deleite, Mahou, Gadis, Thunderbich e Torre de Núñez.