Homenaxe a Juan Giménez cunha exposición a cargo de grandes autores da banda deseñada

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

O Curtas e a Asociación Española de Amigos del Cómic organizan unha mostra con máis dun cento de obras de nomes como os de Howard Chaykin, Rómulo Royo, Ariel Olivetti, Salvador Larroca ou David Rubín

09 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre os centos de milleiros de persoas falecidas pola pandemia do covid-19 figura un dos grandes do mundo da banda deseñada. Juan Antonio Giménez López deixábanos o pasado 2 de abril aos 76 anos de idade, facendo sen sabelo a súa derradeira viaxe desde España á súa Arxentina enfermo dun coronavirus co que o planeta inda comezaba a familiarizarse.

O autor de clásicos do cómic mundial como La casta de los Metabarones foi un dos nomes ilustres que no último lustro visitaron Vilagarcía para compartir o seu talento, os seus coñecementos e a súa experiencia no Curtas. Por iso, a organización do certame audiovisual e de artes varias está a organizar, xunto coa Asociación Española de Amigos del Cómic, a exposición «Juan Giménez Eterno».

A mostra, que colgará nas paredes da sala de exposicións do Auditorio de Vilagarcía do 3 de outubro ao 1 de novembro, contará con máis dun cento de obras de grandes da banda deseñada coma Howard Chaykin, Rómulo Royo, Ariel Olivetti, Jesús Merino, Salvador Larroca, David Rubín ou Daniel Acuña.