A elite arousá compite esta fin de semana no Campionato Galego de Esprint

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Cedida

A xornada sabatina está dedicada aos padexeiros das categorías de formación e a dominical para os de categoría sénior

08 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Coa suspensión completa do calendario nacional comprimido que semanas atrás aprobara a Real Federación Española de Piragüismo para os meses de agosto, de setembro e de outubro inda fresca, a Federación Galega de Piragüismo organiza hoxe e mañá o Campionato Galego Esprint Júnior e Sénior, tanto para barcos individuais como de parella e de catro, no encoro de Verducido. Coa xornada sabatina dedicada aos padexeiros das categorías de formación e a dominical para os de categoría sénior.

A cita congrega o groso da elite da armada arousá, que non quere desaproveitar a primeira ocasión para recuperar as sensacións de competición sen máis precedente esta tempada co Campionato Galego de Inverno, en febreiro, un mes antes do decreto do estado de alarma en España.

Tania Álvarez (Breogán) e Camila Aldana Morison (Náutico Pontecesures), en kayak feminino, María Pérez (Náutico O Muíño), en canoa feminina, e Diego Romero, Noel Domínguez (Breogán) e Manuel Fontán (N. O Muíño) son as principais bazas arousás no Campionato Galego.