O programa Leader financiará obras en Cambados e Meis e un proxecto para envasar sangría, en Valga

O GDR Salnés-Ulla-Umia conta cunha dotación orzamentaria de  251.117 euros para os anos 2020-2021


cambados / la voz

O GDR Salnés-Ulla-Umia celebrou esta semana unha nova reunión da xunta directiva para aprobar os proxectos presentados na convocatoria 2020-2021 do Programa Leader. Trátase dos proxectos públicos presentados polo Concello de Cambados, «Posta a punto do muíño da Seca e o acceso ao centro cultural de Corvillón» e a «Rehabilitación de edificacións na casa reitoral para o centro social de San Martiño de Meis».

Tamén se aprobaron iniciativas privadas moi variadas e de distintos sectores tales coma un proxecto para establecer unha planta na que se vai elaborar e envasar sangría ecolóxica de viño sen alcohol, situada no Concello de Valga; outra iniciativa de elaboración de queixo baixo en graxa con alto contido proteico, en Cuntis; e un hotel de tres estrelas en Caldas que se atopa en pleno Camiño de Santiago, entre outros investimentos.

Esta convocatoria 2020-2021 o GDR conta cunha dotación orzamentaria de 251.117 euros e os proxectos, ordenados por puntuación, compiten entre eles para acadar as axudas. «As convocatorias sempre son por concorrencia competitiva, o que supón que os proxectos de maior calidade segundo estipulado na Estratexia do GDR Salnés Ulla Umia, serán os primeiros en acadar financiamento a través das axudas Leader», segundo informan desde o propio GDR.

«Con respecto á creación e consolidación de emprego, destacar que é requisito imprescindible a estabilización dos postos de traballo, tal como se establece no réxime de axudas, que obriga aos solicitantes a mantelos durante un período de cinco anos desde a último cobro da subvención».

Logo da xunta directiva, o O GDR Salnés-Ulla-Umia celebrou a asemblea xeral de socios na que se aprobaron as contas do ano 2019, o orzamento 2020, o informe de avaliación 2019 e a memoria así como a ratificación dos cargos da xunta directiva de data 12 de novembro de 2019, baixo a presidencia de Juan Manuel Vidal Seage, omo representante do Concello de Pontecesures.

Nesta reunión tamén se fixo balance do programa Leader desde que comezou no mes de marzo de 2017, ao que se presentaron un total de 151 expedientes. Acadouse un investimento de mais de 13 millóns de euros en total, cunha axuda estimada de case 3 millóns de euros e a creación de 197 postos de traballo na comarca, repartidos en mais de 50 expedientes resoltos e pagados. Con cargo a este programa executáronse iniciativas, tanto publicas como privadas, en sectores como o comercio, o turismo e a industria, entre outros.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
0 votos
Comentarios

O programa Leader financiará obras en Cambados e Meis e un proxecto para envasar sangría, en Valga