De estrea no gran pelotón pedaleando a carón da campioa do mundo

AROUSA

CEDIDA POR DAVID BESADA PEREZ

Lara Lois viviu unha fin de semana imborrable, poñendo fin ao parón polo covid-19 correndo as súas dúas primeiras carreiras UCI World Tour

29 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O mellor do gran pelotón feminino mundial de ciclismo en estrada citouse a pasada semana nas estradas de Navarra e de Euskadi. Coa campioa do mundo, a holandesa Annemiek Van Vleuten, do equipo australiano Mitchelton-Scott, impoñendo a súa xerarquía, gañando as Clásicas de Navarra e de Durango en presenza tamén da campioa olímpica. Vitorias que a grovense Lara Lois contemplou desde dentro, no que foi o seu debú no calendario UCI World Tour.

Iniciada no 2015 no ciclismo federado con 33 anos e confirmada pronto como unha das referentes do BTT galego e español, a vixente campioa do Open de España de XCM viu a semana pasada como os astros confluían para regalarlle unha experiencia imborrable. «Coñecía unha chica do Farto -de Pontevedra- e o seu director deportivo chamoume dicíndome que buscaban unha ciclista para completar o equipo de seis para Navarra e para Durango. Eu estaba de vacacións e díxenlle si».

Abriuse desa maneira un novo mundo para a meca, sen máis experiencia no ciclismo en estrada ca un par de carreiras na súa segunda tempada en competición, no 2016. Foron as súas primeiras probas tras o parón obrigado pola pandemia do covid-19, co coronavirus deixando a súa pegada. A organización da Clásica de Navarra, explica Lois, obrigou a última hora os equipos modestos a cumprir co mesmo protocolo seguido polos da categoría UCI World Tour e facer as súas ciclistas PCRs para poder rodar. «Fixemos o test o xoves pola mañá, pero os resultados chegaron xusto á hora da saída da primeira etapa da Clásica de Navarra e practicamente ningún equipo español -só o Movistar é UCI World Tour- puido correr, ao non dar tempo», conta a arousá.

Ao día seguinte, a caída ao pouco de saír da lucense Sara Pérez (Río Miera-Cantabria Deporte) na segunda etapa cortou a Lois e dúas compañeiras. «Tentamos recortar, pero non demos, e no quilómetro 40 a organización nos mandou parar», recorda a grovense. O domingo, na Clásica de Durango, con cinco voltas a un circuíto e sistema de eliminación, ningunha das seis integrantes do Farto deu completado a proba. Pero tirando do tópico, o verdadeiramente relevante aquí era participar.

«Foi unha experiencia incrible! Os dous días coincidiume ter ao meu carón á campioa do mundo e rodar xunto a ela os primeiros quilómetros. Eu miraba para ela e dicíame ‘Está aquí! Está aquí!», exclama Lara Lois, que confesa ter quedado con ganas de máis: «Nunca compartira unha viaxe cun equipo de estrada, esa unión que forma, a táctica; non é como no ciclismo de montaña, onde se fan as carreiras de maneira máis independente. Gustaríame probar máis. Se me dan a oportunidade, tentarei probar de novo». Mentres, Lara Lois prepara unha tempada de BTT comprimida, con inicio no Campionato de España de Maratón o 30 de agosto en Lalín.