Rosa Torres, novo premio da Fundación Manolo Paz

As xornadas da entidade foron presentadas onte na súa sede


cambados / la voz

Manolo Paz resístese a que o coronavirus free a actividade creativa e artística ao seu arredor, por iso este verán chantou catro grandes balas de redes recicladas na praza de Fefiñáns e o venres 14 de agosto vai celebrar na súa fundación, situada en Castrelo (Cambados), unha nova edición, a quinta, das xornadas que levan o seu nome. Nesta ocasión terán como protagonista ao Premio Nacional de la Música na categoría de interpretación en 2017, Rosa Torres, quen, ademais de recibir o premio da Fundación Manolo Paz, ofrecerá un concerto neste escenario máxico ao pé da desembocadura do Umia. Con este galardón, a fundación «quere recoñecer a labor de profesionais destacados pola súa contribución á conservación e mellora da paisaxe e a difusión da arte», segundo explica a entidade, e se algo sobra na súa sede é paisaxe e arte.

Mejuto, na fundación

O primeiro vén dado polo entorno; o segundo o pon Manolo Paz e, a partir do 14 de agosto, tamén o artista Vítor Mejuto, que presenta para a ocasión Señalética para un teatro de Ópera. Trátase dunha serie que forma parte dun proxecto máis grande que en xaneiro expúxose no Centro Párraga (Centro de Arte Contemporáneo de Murcia) baixo o título Torreón de Tramoya. Toda a exposición xiraba en torno ao mundo do teatro, e esta serie en concreto está formada por 52 cadros nos que se alude a aspectos específicos do repertorio clásico: unha personaxe, algún detalle del vestiario ou do decorado ou unha peripecia del libreto, segundo explica o propio autor, que poderá dar máis detalles da súa proposta artística nun coloquio cos presentes.

O programa completarase coa performance Memorias dunha amnésica, de Macarena Montesinos, e a presentación do festival Plataforma de artes performativas, con Iñaki Martínez Antelo, Mónica Maneiro e David Barro.

O día finalizará coa clausura da exposición Os mares do mundo, obra de Manolo Paz, que se pode ver ata entón en Fefiñáns.

A participación nas xornadas precisan inscrición previa a través de xornadas@fundacionmanolopaz.gal ou www.fundacionmanolopaz.gal. Para presentar esta nova edición déronse cita onte na fundación o artista Manolo Paz, a directora da fundación, Julia García Escudeiro, o comisario das xornadas, David Barro, o presidente da cooperativa Paco & Lola, Carlos Carrión, e o concelleiro de Cultura, Tino Cordal, quen lembrou que a celebración destas e doutras actividades culturais están a expensas da evolución da pandemia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Rosa Torres, novo premio da Fundación Manolo Paz