
A primeira denominación é a oficial, a segunda cumpriu onte cen anos da súa primeira celebración
26 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Onte foi, simultaneamente, Día Nacional de Galicia e Día da Patria Galega. A primeira denominación é a oficial da festividade do 25 de xullo desde que apareceu no segundo número do DOGA, o 1 de xaneiro de 1979, sendo presidente Antonio Rosón. A segunda cumpriu onte cen anos da súa primeira celebración, instaurada polas Irmandades da Fala e é a utilizada por diversos colectivos, nomeadamente polo BNG. Esta dobre denominación é irreconciliable nos usos e onde se celebre o Día Nacional, santo Domingo de Bonaval por exemplo, non haberá ninguén que estivese na Praza da Quintana ou en Rianxo. Asombra que a Xunta preautonómica, recén aprobada a Constitución, empregase a palabra Nacional. Proclamar daquela Día Nacional de Galicia debeu ser moito dicir en 1979 porque é probable que se fose hoxe houbera manifestacións grandilocuentes para oporse á utilización dese vocablo. Onte todo o universo administrativo oficial fixo esa conmemoración. E celebrar iso implica, non sendo que as palabras non sirvan para entendérmonos, que oficialmente considérase que Galicia é unha nación, porque se non fose así sería esquizofrénico solemnizar un Día Nacional. Así que oficialmente somos, dío este día de festa, unha nación; sen Estado, si, aínda que cun autogoberno non culminado, pero fortemente descentralizado. Pode que o uso habitual desta expresión para sinalar o festivo do 25 do mes de Santiago nos impida reflexionar sobre o que quere dicir, porque as palabras teñen significado e o dicionario encárgase de recordarnos que nacional significa «relativo ou pertencente a unha nación». E unha nación, acudindo tamén á mesma fonte, é una «comunidade humana, instalada nun territorio definido, que pode estar ou non politicamente organizada como Estado, e que se caracteriza por ter unhas tradicións históricas e culturais comúns, os mesmos intereses económicos e unha unidade lingüística ou relixiosa». Así que iso: está declarado regulamentariamente que onte, o 25 de xullo, os galegos celebramos oficialmente sermos unha nación e non cabe dúbida ningunha, porque o repite o Diario Oficial de Galicia desde o 1 de xaneiro de 1979. A denominación Día da Patria galega é incompatible politicamente coa outra, segundo os que a empregan. Ten longa tradición desde a súa nacenza nas asembleas iniciais das Irmandades da Fala e co seu primeiro festexo en 1920, con moi diversos avatares posteriores. Imos tamén ó dicionario para ver o significado de patria, que non é precisamente unha palabra que non faga aflorar sarabullazos. Pois significa, literalmente, «nación á que se pertence ou á que se ten o sentimento de pertencer». A utilización política das palabras, nomeadamente de patria e nación e derivados, pode dar lugar a moitos e variados enfoques, ata racistas. Mais ao que imos: resulta que celebrar o Día da Patria é, gramaticalmente, exactamente igual que celebrar o Día Nacional porque coas dúas reivindicacións, quéirase ou non se queira, estase a dicir o mesmo, sen matices: festexar a pertenza a unha nación. Así que, en realidade, se ninguén minte e todos veñen dicir o mesmo, por que non partir desa base común e empezar a camiñar?