Descubrindo as posibilidades laborais que hai detrás dunha botella de viño

Bea Costa
bea costa VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

ADRIÁN BAÚLDE

Unha ducia de persoas fórmase en Pazo Baión para raballar nas adegas grazas a un curso do Plan de Emprego da Mancomunidade do Salnés

27 jul 2020 . Actualizado a las 19:33 h.

Detrás dunha botella de rías baixas de 15 euros hai moito traballo detrás. Así, con esas palabras, eleva Alessandra a categoría de conclusión o aprendido estes días na adega Pazo Baión de Vilanova. É unha dos doce alumnos que participan no curso de elaboración de viños que se celebra dentro do Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade do Salnés que este ano, por primeira vez, inclúe esta disciplina grazas ao convenio asinado coa cooperativa Condes de Albarei. E, ao parecer, con moito éxito. «Me encantó», apunta rotunda Juana, outra das alumnas do curso, un entusiasmo que comparten Juan Manuel e Rosana.

As mulleres supoñen a metade do alumnado, o cal representa un paso máis no eido da igualdade que fomenta a entidade comarcal. Pasou xa cos cursos de manexo de mini pala e de carretilla elevadora, nos que, cunha presenza feminina do 50 %, demóstrase que en oficios que parecían só cousa de homes están gañando posicións entre elas. Tamén á hora de traballar nunha adega, e non só para ir vendimar.

A moza veciña de Meis, Alessandra Magariños, aínda non rematou o curso e xa está pensando en montar a súa propia bodega aproveitando que ten un irmá enólogo, segundo anunciaba onte ante o sorpresa dos presentes no acto celebrado en Pazo Baión.

Para a ocasión trasladáronse ata alí a presidenta da mancomunidade, Marta Giráldez, o xerente da entidade, José Ramón Guinarte, e a presidenta de Condes de Albarei, María Dolores Calvo. Todos eles destacaron as vantaxes que supón esta modalidade formativa para persoas que están na procura dun emprego. As cifras que arrastra o plan da mancomunidade son esperanzadoras pois ten un índice de inserción laboral dun 85 % en anos anteriores. A falta de seis meses para rematar a presente edición, van xa polo 72 % porque algúns dos alumnos xa atoparon traballo antes de rematar o prazo de formación, sobre todo no sector hostaleiro.

Trátase dun proxecto multidisciplinar no que os cen alumnos poden optar a ducias de cursos que abranguen numerosos sectores: tecnolóxico, agro alimentario, industria, turismo... Deste xeito, o alumno tanto pode aprender a manexarse coa tecnoloxía 3D, como a montar os complementos dun aeroxenerador eólico, como a conducir un tractor. E no campo, en particular nunha adega, todas as capacitacións laborais son benvidas.

O curso de elaboración de viños ofrece un perfil de traballador que é moi atractivo para as empresas, particularmente para as adegas, porque os alumnos aprenden noción básicas en distintos eidos. Nestas semanas aprenderon sobre tratamentos fitosanitarios, fermentación, prensado, removido de lías, centrifugación, traballo mecánico, limpeza, desinfección..., e unha vez que xa se familiarizaron coas probetas e saben medir a densidade e o grao de alcohol, o seguinte paso será diferenciar os aromas e as tonalidades do viño. É a fase da cata, a última e, para Rosana, é o momento máis esperado, confesa.