Vilagarcía lanza unha fronte común para pedir mellores transportes e comunicacións

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A mesa de reactivación económica e social xa está en funcionamento

22 jul 2020 . Actualizado a las 23:47 h.

A primeira reunión da Mesa de Reactivación Económica e Social do Concello de Vilagarcía rematou onte co acordo de todos os axentes sociais de deixar atrás os localismos e «unirse e facer unha fronte común para demandar a execución de melloras nas redes de comunicacións de Vilagarcía, ao entender que esta medida resulta imprescindible para garantir as condicións que necesitan todos os sectores, tanto produtivos somo sociais, para desenvolverse, medrar e poder recuperarse da crise xerada pola pandemia do covid-19», segundo informan desde Ravella.

Ademais deste punto, nesta primeira reunión, a mesa chegou ao consenso sobre as tres liñas prioritarias polas que se comezará a traballar para desenvolver accións a curto prazo. Ademais, da relativa ao sistema de comunicacións, traballarase no ámbito da formación e dos investimentos.

As accións en materia de formación enfocaranse tanto ao ámbito laboral e profesional como ao de dixitalización da poboación en xeral. No primeiro eido, xestionando a adaptación das especialidades formativas regradas cara ás necesidades e demandas dos sectores produtivos da zona, como á mellora da cualificación de determinados grupos profesionais, así como á iniciativas formativas de carácter práctico orientadas a determinados sectores ou colectivos. En materia de dixitalización traballarase para estender o uso das novas tecnoloxías e da Internet e tamén para a eliminación de brecha dixital.

A modo de introdución ás intervencións dos asistentes, o alcalde fíxose unha breve presentación da situación económica tras as pandemia e informouse das accións adoptadas polo Concello: paralización temporal do cobro de taxas e impostos municipais, axudas de carácter social, liñas de axudas para paliar as perdas por peches ou a campaña de bonos-compra, entre outras.

Ao encontro asistiron os representantes dos grupos da corporación, dos sindicatos (UGT, CCOO e CIG), dos comerciantes, sector empresarial (FECA e AJE) e do colectivo de industrias e grandes empresas.