O Día de Galicia haberá moita música

s. D. / B. C. VILANOVA / LA VOZ

AROUSA

Sara Dorado

O Salnés prepara as celebracións do 25 de xullo

22 jul 2020 . Actualizado a las 21:46 h.

O Salnés celebrará o sábado Día de Galicia con diversos actos de índole lúdico e institucional. No primeiro apartado destaca a actuación de Roi Casal no O Grove, a parir das 21.30 horas na praza do Corgo, un concerto de entrada gratuíta inscrito no programa cultural da Deputación, Musigal. Media hora antes, serán o alcalde, José Antonio Cacabelos, e a concelleira e deputada provincial, Noemí Outeda, os que se porán diante dos micrófonos para facer unha declaración co gallo da festividade do 25 de xullo.

En Vilagarcía, as Festas do Apóstolo en Carril terán este ano as limitacións propias dos tempos de pandemia que estamos a vivir, pero non faltará a música. Será da man dos Terribles de Arousa, do grupo folclórico Malveiras e a coral Alento Xoven.

En Cambados tamén soará a música no Día de Galicia da man da Banda de Música de Castrelo, que ofrecerá unha alborada ao mediodía, e ás once da noite actuará o grupo Onte e Hoxe na praza de Torrado. En Meaño, a cita é ás 13.30 horas nas inmediacións da igrexa de Cobas, co Os Gaiteiros de Penaguda e os Danzantes de Cobas, e en Vilanova a festa será no Terrón ás dez da noite, onde actuarán Los Jinetes del Trópico y dj Manteca.

En Meis e Ribadumia adiantarán ao venres pola noite a celebración, e tamén con música. Na praza de España de Mosteiro celebrarase a Festa da Xuventude, a partir das 22 horas, coas actuacións dos rapeiros Wyygga e Binnie. En Ribadumia, ás 22 horas, o grupo M80 rescatará as cancións dos anos setenta e oitenta.

Pola súa banda, na cooperativa Paco & Lola tamén fan a súa propia aposta para véspera do día 25, cun concerto benéfico a favor do Banco de Alimentos Rías Baixas, na Fundación Manolo Paz (Cambados), no que actuará Rosa Cedrón.

O 25 xullo tamén é unha data propicia para a reivindicación política que, como cada ano, é aproveitada polo Bloque Nacionalista Galego para conmemorar o «Día da patria galega». Agora, xa como primeira forza política da oposición no Parlamento galego, o BNG sairá á rúa e conmemorará o centenario da primeira celebración do Día de Galicia, implantado polas Irmandades da Fala.

O acto central do BNG en Pontevedra será no parque Rosalía de Castro, ás 12 horas, desde onde conectarán coa praza da Quintana de Santiago para seguir en directo a intervención da portavoz nacional, Ana Pontón. Os actos serán compartidos en streaming a través do Facebook do BNG.