Visitas de primeiro nivel á escola de verán da Mazí

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Os alumnos adestraron cos saltadores Beatriz Viteri e o internacional Abdel Larrinaga

22 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Os alumnos da sexta edición da escola de verán da Agrupación Atlética Mazí gozaron onte no estadio vilagarcián de Fontecarmoa dunha nova remesa de visitas de primeiro nivel. David Gómez, decatleta olímpico nos Xogos de Atenas 2004 e de Pekín 2008, e hoxe dedicado ao traballo de adestrador, exerceu de mestre por un día xunto con dous dos saltadores que está a pulir. Concretamente, Beatriz Viteri e Abdel Larrinaga.

Saltadora de pértega, Viteri conta con quince medallas nacionais en diferentes categorías, proclamándose en 16 ocasións campioa galega absoluta e sendo tres veces finalista na mesma cita, pero de nivel nacional.

De orixe cubana e nacionalizado portugués, Larrinaga disputou os Mundiais Sub-18 do 2011 e Sub-20 do 2012. Decatleta, foi subcampión panamericano de décatlon 2013 en Colombia, conquistou o título nacional portugués da disciplina nos anos 2018 e 2019 e dispón da terceira mellor marca lusa de décatlon de todos os tempos. 7,50 metros en lonxitude, 2,07 en salto de altura, e 14.10 nos 110 metros valados son as mellores marcas persoais de Abdel Larrinaga.

O programa de visitas elaborado pola dirección da escola de verán da Agrupación Atlética Mazí continuará este venres. Ese día será Vicente Veiga o que exerza de mestre de excepción. Adestrador nacional, Veiga é o actual responsable do sector de valados da Federación Galega de Atletismo. En Vilagarcía impartirá unha sesión práctica sobre a complicada especialidade da carreira de relevos.