Repiten o mesmo golpe no Sabores sete meses despois

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

Tres encarapuchados rebentaron o enreixado e roubaron a tragaperras e a rexistradora en segundos

21 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

«Isto xa clama o ceo!». Quen así fala é José Sabor. Non resulta difícil empatizar co copropietario da Cafetería Sabores, situada enfronte da céntrica gasolineira vilagarciana de San Roque. Ás 4.05 da madrugada do domingo ao luns a alarma do local facía o seu traballo, alertar dunha intrusión. Os tres causantes da chamada intempestiva da empresa de seguridade correspondente ao teléfono de José fixeron oídos xordos aos sistema acústico de disuasión. Se acaso, tiraron del a modo de cronómetro. Porque, se a vítima está no certo, esta sería a segunda vez que o trío de apandadores a toma co lugar, e a súa habilidade para entrar e saír coma o raio non deixa de medrar. Como o seu apetito por substraer o alleo, sumando desta volta a caixa rexistradora, cuns 800 euros en efectivo, á recadación da máquina tragaperras, que xa fora rebentada nun golpe case idéntico xusto sete meses atrás, o 20 de decembro.

«Entraron co mesmo modus operandi. Rebentaron o enreixado tirando ao bruto entre os tres, e cunha maza rebentaron a tragaperras», relata José Sabor. Datos que manexa por dispoñer de cámaras de vixiancia no seu establecemento. Pero a escuridade do lugar no medio da madrugada e o feito de ir encarapuchados, con pasamontañas e con guantes fixo imposible atrapar os autores do golpe de decembro. A investigación aberta pola Policía Nacional desta volta ten pinta, teme o copropietario do Sabores, de correr a mesma sorte.

En menos tempo ca outra vez

E é que, de tratarse dos mesmos autores en ambos os dous roubos, terían amosado a capacidade de mellorar a súa técnica: «A primeira vez tardaron 38 segundos. Esta vez fixérono en menos de medio minuto», conta o hostaleiro damnificado. A gran diferenza, explica, é que en decembro «dous deles foron a pola tragaperras e o outro onde a cafeteira» debendo de pensar que naquela zona estaba a caixa rexistradora. Desta volta, pola contra, un deles se tería dirixido a tiro fixo a este último elemento, substraendo non só os arredor de 800 euros que contiña senón tamén avariando na acción a pantalla e o ordenador ao que vai asociada a caixa rexistradora, engordando as perdas do Sabores. Onte a primeira hora da tarde na cafetería estaban pendentes do perito para coñecer se se podería reparar o equipo estragado con cargo ao seguro do local.

Negra historia cos roubos

Os golpes, practicamente idénticos, sufridos na madrugada do luns e en decembro son os últimos apuntamentos no negro historial que o Sabores ten cos amigos do alleo nos últimos dous anos. Así, José Sabor recorda xa case como unha anécdota aquela vez que un individuo aproveitou un descoido para botar a man á caixa e levar o que deu atrapado; «uns 50 ou 70 euros serían», di. A cousa comezou coller outra cor cando en novembro do 2018 outro home puxo os seus ollos no Sabores, e no momento de pechar o local, xa tan só coa camareira e cun cliente no seu interior, se personou cunha tesoira en man ao grito de «Esto es un atraco». Un golpe a man armada que lle reportou uns 800 euros.