A Xunta apraza as obras da senda peonil entre a ponte da Illa e Vilanova para non afectar ao tráfico no verán

Os traballos serán retomados cando conclúa a tempada estival


vilagarcía / la voz

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade retomará despois do verán a execución das obras da senda peonil e ciclista en Vilanova, na estrada que une o lugar de Deiro coa ponte da Illa de Arousa, co obxectivo de evitar afeccións ao tráfico en época estival. A actuación forma parte do novo itinerario impulsado pola Xunta en dous tramos, no citada estrada PO-307 e na PO-549, desde Tarrío a Cores, que practicamente está rematada. Os traballos teñen un custe de preto de 1,5 millóns de euros.

O desenvolvemento desta obra no treito que une Deiro coa ponte fará necesario o corte dun carril. Por ese motivo, e de acordo dos alcaldes, interrómpense os traballos durante o mes de xullo e agosto para evitar a afección ao tráfico nos momentos de maior intensidade, segundo informan desde a consellería. Concretamente, na estrada PO-307 estase a executar unha senda pola marxe esquerda, entre a glorieta de intersección coa PO-549 e co acceso á ponte. e, de aí, o itinerario peonil e ciclista conecta coa senda xa executada. A senda contará con tres metros de ancho e separarase da calzada mediante unha cuneta de seguridade e unha banda axardinada.

En canto a intervención na PO-549, xa se ten actuado entre Tarrío e o tramo do que parten as beirarrúas construídas en 2012. Neste treito construíronse sendas en formigón coloreado polas dúas marxes da estrada, que suman, aproximadamente, dous quilómetros de lonxitude, cun ancho mínimo de dous metros.

Por outra banda, o departamento de Infraestruturas vén de adxudicar unha obra de ampliación da drenaxe da estrada PO-307, onde se vai actuar no momento en que se retomen os traballos da senda. Esta nova intervención, adxudicada á empresa Hordescon, S.L., conta cun investimento de máis de 34.000 euros e tamén comezarán no finais do verán, unha vez baixe a intensidade do tráfico. As obras contan cun prazo de execución duns dous meses. O obxecto do contrato é mellorar a capacidade actual de desaugadoiro da obra de drenaxe transversal, substituíndo o actual por un novo, que permitira dobrar a súa capacidade. Para a execución dos traballos será necesario o desvío ou a contención provisional da canle existente, así como a restitución do mesmo unha vez estas finalicen.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade informou onte de máis obras que afectan a esta comarca pois vén de adxudicar a mellora do firme en cinco estradas autonómicas por valor de 785.000 euros. Esta intervención, contratada á empresa Construcciones Taboada y Ramos, S.L, conta cun prazo de execución de 6 meses e o inicio dos traballos prevese en agosto. As actuacións faranse en varios tramos das estradas PO-301, PO-529, PO-530, PO-531 e V.G-4.7 ao seu paso polos concellos de Vilanova, Vilagarcía, Caldas, Barro e Meis.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

A Xunta apraza as obras da senda peonil entre a ponte da Illa e Vilanova para non afectar ao tráfico no verán