Álex Fernández e Carlos, inxección de ADN da Madroa para o Ribadumia

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

C.D. Ribadumia (Cedida)

O extremo destro continuará na Terceira tras militar a pasada tempada no Pontellas, mentres que o lateral dereito regresa á categoría procedente do Céltiga

07 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Directiva e corpo técnico do C.D. Ribadumia seguen dando mostras do seu interese por deixar canto antes resolta a principal materia que precisa aprobar un equipo na pretempada, especialmente se se trata dun recén ascendido como é o caso: a confección do seu novo cadro de xogadores. Practicamente esgotado o capítulo de renovacións, cunha ducia de futbolistas confirmados xa na pasaxe de regreso á Terceira División do equipo aurinegro, o club iniciou o capítulo de fichaxes o primeiro día da reapertura do mercado, o 1 de xullo, avanzando practicamente a un por día. As dúas últimas, repartidas entre a primeira hora da noite do domingo e a tarde de onte luns, cos vigueses Álex Fernández, extremo destro, e Carlos Saturnino Pérez, lateral dereito, inoculándolle ao C.D. Ribadumia unha dose de ADN da Madroa.

Da mesma quinta, ata o punto de coincidir no mes e no ano de nacemento, febreiro de 1999, Álex Fernández e Carlos compartiron tres campañas atrás, na 2017/18, vestiario no conxunto de División de Honra Xuvenil do Celta de Vigo no seu derradeiro ano como futbolistas de formación. No caso do dianteiro, logo de probar sorte o curso anterior no C.D. Areosa xuvenil.

Álex Fernández estreouse como sénior no Céltiga, no que gozou dun elevado protagonismo como reflicten os seus 2.354 minutos en 36 partidos, nos que asinou 5 tantos. Logo do descenso do cadro da Illa á Preferente, o atacante vigués continuaría na Terceira enrolándose nas filas do Pontellas, no que dispuxo de menos cancha, con 972 minutos xogados en 19 encontros antes do parón polo covid-19, que evitou a frustración dun segundo descenso na súa folla de servizos co seu último equipo penúltimo con tan só 20 puntos, a 12 da zona de permanencia cando faltaban once xornadas para a conclusión da Liga.

No seu caso, Carlos optou unha tempada atrás por baixar un chanzo na procura da cancha da que non dispuxo no seu primeiro ano sénior, no que só xogou 460 minutos nos seus dez partidos na Terceira co Choco. O verán pasado o lateral dereito fichaba por un Céltiga no que se asentou coma primeira opción de Javi Rey para o seu posto, disputando 1.600 minutos nos seus 22 encontros xogados.

Coa idea de deixar unha ficha libre e contar con 21 efectivos, Luis Carro entende que «imos ben» de cara a confección do cadro de futbolistas co que o Ribadumia aspira a reafirmarse na Terceira no seu regreso á categoría en outono. Un grupo deseñado sobre a continuidade da columna vertebral do equipo do ascenso, pendentes dun par de renovacións máis que eleven a 14 o número de homes que repitan no vestiario da Senra, e a mestura de reforzos con experiencia, caso do central Pablo González e do brasileiro Charles, e de savia nova con ganas de comezar a abrirse camiño nun mercado de futbolistas tan competitivo como o da Terceira, como o centrocampista David Giráldez, vigués nado en 1999 ao igual cos dous últimos reforzos do Ribadumia, coa diferenza de se ter formado na base do Coruxo.

A intención do adestrador do conxunto aurinegro é poder pechar o equipo esta mesma semana con outras dúas contratacións e un par de renovacións máis.