O adiamento da Volta a Portugal reabre a opción de ver correr a Veloso no 2021

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O vilagarcián adaptará a súa preparación aos cambios no calendario

28 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A organización da Volta a Portugal anunciaba esta semana a súa decisión de adiar a celebración da edición deste ano, programada do 29 de xullo ao 9 de agosto. Unha decisión motivada, como en moitos outros tantos casos de grandes citas deportivas polo mundo enteiro, pola situación da pandemia do covid-19, nun momento no que se están a rexistrar rebrotes na capital lusa. A negativa de varios concellos que debían servir de punto de saída ou de chegada ao prólogo e ás dez etapas da Grandíssima acabou de forzar unha medida coa que se tenta gañar tempo, sen renunciar a que a rolda se dispute inda no 2020.

A Gustavo César Veloso, como ao seu ex compañeiro cambadés no W52-F.C. Porto Ángel Sánchez, hoxe nas filas do modesto Mortagua, a decisión dos responsables da Volta a Portugal colleunos recén chegados dunha concentración en alto en Manzaneda, onde se adestraron do 8 ao 21 do presente mes xunto cos tamén ciclistas galegos Álex Marque e Samuel Blanco.

Durante o confinamento polo estado de alarma sanitaria en España o vilagarcián abrira a porta a repensar a súa decisión de poñer punto final á súa carreira profesional de 20 anos ao remate do 2020 se non se celebraba a Grandíssima. O bicampión da rolda lusa vén de declarar que, coas últimas novidades, «o de correr no 2021 de momento segue no aire. Se a Volta se fai e chego a ela como quero chegar, o máis probable é que non corra no 2021. Se se suspendera a Volta case seguro que correrei un ano máis. Hai que ir paso a paso, e non precipitarse, nin á hora dos adestramentos, nin das decisións. Ter paciencia e calma».

Veloso di que «a nivel de planificación haberá que levantar un pouquiño o pé, manténdome no punto no que estou», calculando que de facerse, a Volta a Portugal será en setembro ou comezos de outubro.