O futuro das festas gastronómicas da Illa decidiráse a semana que vén

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo A ILLA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

A viabilidade dun protocolo encargado a unha empresa será a clave

27 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha hora e tres cuartos estiveron reunidos na tardiña do xoves o alcalde da Illa, Carlos Iglesias, o patrón maior da confraría insular e representantes dos catro principais clubs da localidade e organizadores das festas gastronómicas coas que cada ano obteñen o 50 % dos seus ingresos. Sobre a mesa, o estudo da viabilidade das cinco citas culinarias repartidas nas sete fins de semana que van do 24 de xullo ao 6 de setembro, unha vez recibida o pasado luns a autorización de Portos de Galicia para a ocupación do paseo do Cantiño con tal fin.

Da primeira xuntanza de traballo saíu o acordo de contratar unha firma especializada na elaboración de protocolos hixiénico-sanitarios para eventos deste tipo adaptados á actual normativa de cara a prevención de contaxios de covid-19. Profesionais da empresa desprazaránse o vindeiro luns á Illa. Unha vez alí, «ensinarémoslles a localización e o que queremos montar para que nos digan como teriamos que facer», conta Álex Zels, responsable desde hai doce anos das Festas Gastronómicas de Produtos do Mar que organiza o Céltiga e, desde o xoves, voceiro tamén dos catro clubs inmersos no dilema de se darlle adiante á súa gran vía de ingresos, ou asumir a imposibilidade de facelo dada a situación e o endurecemento das esixencias loxísticas para montar eventos como os que se suceden durante a metade do verán no Cantiño. Dúbidas que asaltan tamén ao Concello, cuxo alcalde, Carlos Iglesias, prevé a necesidade de subcontratar un ata agora inexistente control de aforo. A previsión dos clubs é tomar unha decisión antes de rematar a vindeira semana, porque o tempo se lles bota enriba.