A Federación Galega propón o Arousa e Manolo Abalo entre os seus representantes na Española

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

O presidente arlequinado agradece a súa elección, e promete traballar polo fútbol galego en Madrid

23 jun 2020 . Actualizado a las 20:29 h.

A Real Federación Galega de Fútbol vén de postular o Arousa e o Bergantiños para os dous postos que lle corresponderán na nova asemblea xeral da Real Federación Española de Fútbol no estamento de clubs non profesionais e o ex arlequinado Sergio Santos ó de futbolistas non profesionais.

O presidente da Galega, o ribadumiense Rafael Louzán, salienta que a candidatura do Arousa, personalizada en Manolo Abalo, «débese principalmente a ter un recoñecemento cun club que está celebrando o seu 75 aniversario e a un presidente, Manolo Abalo, que tivo que superar moitos obstáculos na xestión dunha entidade á que salvou practicamente da desaparición e que volve loitar por un ascenso a Segunda B». Louzán subliña ademais o traballo que o mandatario arlequinado vén realizando desde que asumira a presidencia do club vilagarcián, facendo fronte cada ano a dificultades de todo tipo, «pero el nunca se rendíu e agora creo que é de xustiza ter este recoñecemento con todo ese esforzo e sacrificio», declara o responsable da RFGF.

A Asemblea da RFEF está composta por 140 membros e as eleccións están previstas para o próximo 20 de xullo, se ben tras a renuncia de Iker Casillas á carreira electoral, dáse por feito que a de Luis Rubiales será a única opción á presidencia cando este mércores finalice o prazo de inscrición de candidaturas. Os 140 novos asembleístas, máis ca previsiblemente o vilagarcián Manolo Abalo entre eles, serán os que elixan o presidente federativo.

«É de agradecer», manifesta Manolo Abalo

Desde Puerto Real, Cádiz, onde pasa uns días gozando do seu neto de nove meses tras tanto tempo afastados polo confinamento, Manolo Abalo respostaba ao anuncio público da súa candidatura por parte da Real Federación Galega de Fútbol declarando que «é de agradecer». O arousán explicou que Louzán lle trasladou o pasado sábado a súa decisión de postulalo para un dos dous postos de clubs afeccionados na vindeira Asemblea Xeral da RFEF xusto quince minutos antes da asemblea de clubs galegos para tratar o asunto. E quixo deixar claro que «non é que eu o pedira». É máis, asegura, «non me apetecía nin nada. Pero a Federación Galega me propón e, sobre todo polo Arousa, non digo que non». A partir de aquí, Manolo Abalo fai fincapé en que «vou tentar traballar polo fútbol galego». Os que o coñecen saben que a súa palabra é ley, e que non hai mellor obreiro da construción do balompé ca el, por entrega, e por experiencia.