Inquedanza no C.N. Vilagarcía polo seu futuro na piscina da era covid-19

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

CEDIDA

O club arousán teme que o Concello reduza o seu tempo na instalación municipal tras a súa reapertura en setembro, o que faría a súa actividade inviable

23 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Arredor de dous milleiros de usuarios deberán agardar a setembro para volver gozar da piscina municipal de Vilagarcía. Unha instalación que a firma encargada da súa xestión, Serviocio, prevía reabrir no día de onte, ata que o Concello decidíu adiantar as obras de colocación do novo sistema de climatización e de deshumificación do recinto. A medida retrasará ata setembro a volta ao servizo da dotación deportiva, levando a medio ano un periodo de inactividade iniciado coa activación do estado de alarma sanitaria en España o 14 de marzo.

A ansia de boa parte dos seus usuarios por poder dispoñer de novo da instalación na que practican deporte de maneira periódica tórnase en preocupación, mesmo cun punto de alarma, entre os responsables do Club Natación e Salvamento Vilagarcía. Ata o punto de temer pola viabilidade da propia entidade.

Con case un cento de deportistas nas súas filas, o C.N. Vilagarcía descoñece neste momento ata que punto o Concello respectará o convenio que manteñen as dúas partes, e que lle confire ao club o uso exclusivo dunha rúa do vaso de auga de Fontecarmoa de seis e media a sete e media da tarde, e de dúas de sete e media a nove e media. «Temos un convenio, entendemos que está vixente. Pero haberá que ver se o límite de aforo nas piscinas ao 75 % como está agora nos afecta», declara Fernando Vicente, presidente do C.N. Vilagarcía, quen amosa as súas dúbidas non só respecto aos capítulos de tempo e de espazo de dereito de uso dos seus nadadores, senón tamén arredor dunha cuestión capital: «¿Cantos rapaces van poder adestrar nunha mesma rúa?». Cuestión trascendental na era do covid-19, por canto o normal é que o equipo de natación local traballe ao tempo cuns quince en cada rúa.

Dando por feito que nada saberán do tema ata o regreso do club á piscina xunto co resto dos seus usuarios no mes de setembro, no C.N. Vilgarcía confesan que os interrogantes no aire «xenérannos moita inquedanza respecto ao futuro do club». E é que se xa leva anos «constreñido» na súa actividade, cunha base en continuo crecemento, de ver reducido o seu ecosistema de traballo «o club non poderá existir», afirma o seu presidente.

Preparando o Nacional de Salvamento

O normal é que o C.N. Vilagarcía contase cuns 40 nadadores ultimando nestas datas a súa preparación na piscina para os Campionatos Galegos e para as fases finais das ligas autonómicas, competicións canceladas pola pandemia. Con todo, os seus dous adestradores estiveron de alta laboral -traballan a tempo parcial para a entidade- durante todo o estado de alarma. No confinamento, dando clases online. E desde o primeiro día en que se permitíu a preparación colectiva, dividindo os deportistas da modalidade de salvamento en seis grupos de idade, cos que están a afinar a posta a punto na praia do Preguntoiro para o Campionato de España de Salvamento a finais de xullo en Noja. O que non fará o club, confirma Vicente, é organizar a Travesía a Nado Porto de Vilagarcía, programada para o 19 de xullo.