«Come a Comarca» saborea a cociña do mar de Arousa

Serxio González Souto
serxio gonzález VILAGARCÍA / LA VOZDATA / AGENCIA

AROUSA

CEDIDA

A TVG emite o martes o programa gravado no Salnés con Javier Olleros como guía

21 jun 2020 . Actualizado a las 20:37 h.

A sétima entrega de Come a Comarca, o concurso gastronómico que cada martes emite a TVG, ten sabor a mar. O equipo que conduce Fran Cañotas chega a terras do Salnés para coñecer os segredos dunha cociña que se nutre da ría de Arousa e as hortas das terras que baña. Cinco cociñeiros afeccionados viaxan á bisbarra para aprender a elaborar varios dos seus pratos típicos e medirse con algúns dos mellores restauradores que prenden aquí os seus fogóns.

Desta volta, é Javier Olleros, chef de Culler de Pau e posuidor dunha estrela michelin, quen exerce como sherpa culinario dos cinco participantes. O restaurador meco guiaraos nunha singradura pola cociña arousá que ten a súa primeira parada precisamente no Grove. Por algo aló abre Olleros as portas do seu prestixioso restaurante. Como tamén o fan Joaquín Álvarez e Tomás Bea, de Sal de Allo, dous dos cociñeiros profesionais que integran o equipo de Come a Comarca en representación do Salnés. Non se esgota aquí o papel meco no programa, xa que o patrón maior da confraría, Antonio Otero, é o mestre que explicará dende a lonxa como se captura un dos produtos estrelas da ría, que mañá terá moito que dicir e máis aínda que saborear: o centolo. Loli Quintero, da Lareira do Larexo, coñece ben as súas propiedades gastronómicas e como respectalas ao preparalo.

Aclarado por onde comezará o menú, a comitiva trasladarase á Illa de Arousa para comprobar en persoa o xeito de elaborar unha boa caldeirada de peixe da man dunha verdadeira experta: Carme Outeada, responsable da cociña do restaurante A Meca. Como non hai dous sen tres, a experiencia non pode rematar sen unha sobremesa axeitada. Nada mellor que unhas filloas para deixar un bo sabor no padal. E mellor aínda se quen amosan á súa arte na materia son as gañadoras do concurso de filloas de Cambados do ano pasado na súa modalidade contrarreloxo: María e Victoria Blanco.

Estas son, pois, as tres receitas do menú que mañá, ás 22.30 horas, propón a TVG: salpicón de centolo, caldeirada de peixe e marisco, e filloas acompañadas de crema de queixo e uvas. O acto final consiste na súa preparación, na praza de Fefiñáns, nunha sesión na que o equipo se enfrontará á xente de Sal de Allo, a Maite Otero e Aránzazu Fernández, da Fonte do Viño de Cambados, e a Marta Esperón, do restaurante Carmen de Sanxenxo. Quince veciños da comarca serán quen decidan cal deles come verdadeiramente O Salnés.

«Estou feliz porque vin un programa con músculo, que nos permitiu falar de cociña», sinala Javier Olleros. O chef confesa que o concurso, producido por Voz Audiovisual, fixo que o pasase moi ben: «Para min, dende logo, é unha honra que contasen comigo nun programa tan ben preparado polos seus profesionais, cun presentador fresco e auténtico como Cañotas e uns concursantes marabillosos. Vai facer que a xente estea diante do televisor».

Texto