O Arousa seguirá sen o seu pichichi a lo menos outra semana máis

Pedro Beda voou desde Brasil con dous días de retraso sobre o previsto no club, e deberá pasar unha PCR ademais do test serolóxico feito hai 12 días polo resto do equipo


vilagarcía / la voz

Doce días van xa desde que o Arousa retomaba os adestramentos coa vista posta na semifinal da fase de ascenso exprés fronte ao Ourense C.F., o 19 de xullo no estadio de Balaídos. Logo de practicamente tres meses de parón forzoso pola pandemia do covid-19, a folla de ruta deseñada polo corpo técnico de Rafa Sáez veu avanzando segundo o previsto, cunha única excepción. O retraso na reincorporación ao equipo do seu pichichi, Pedro Beda, que no mellor dos casos acumulará unha semana, ata o xoves ou o venres da que vén.

Na casa dos seus pais no seu Brasil natal desde o inicio do confinamento, o 20 de marzo, Pedro Beda tiña a consigna do seu adestrador, Rafa Sáez, de «regresar entre el 5 y el 15 de junio», conta o xogador desde Campo Grande, a capital do estado do Matto Grosso do Sur. O certo é que no club arlequinado agardábano de volta este mércores, día 17. Pero, explica o dianteiro centro, a compañía aérea coa que operaba, LATAM Airlines, dáballe como opción máis próxima o venres 19 para viaxar a Madrid.

O voo de Pedro Beda ten prevista a súa aterraxe no Aeroporto Madrid-Barajas Adolfo Suárez hoxe sábado ás 14.30 horas. Pendentes de coñecer o modo de transporte que empregará o seu futbolista para cubrir o traxecto restante entre a capital española e Pontevedra, onde ten o seu domicilio, no club vilagarcián barallan a opción de que o xogador chegue a última hora de tarde á cidade do Lérez para así tentar exprimir o horario de atención da Mutua da Real Federación Galega de Fútbol nas súas oficinas no municipio de residencia do brasileiro. De ser así, Pedro Beda pasaría mañá o test serolóxico esixido pola Real Federación Española de Fútbol a todo aquel futbolista, técnico, auxiliar e directivo que vaia interactuar diariamente co resto dos integrantes dos catro equipos que o 18 e 19 de xullo disputarán as semifinais da fase de ascenso exprés á Segunda División B. Un test que o resto dos membros do Arousa superaron o luns da semana pasada.

De non poder facelo mañá, Pedro Beda someteráse á proba serolóxica o luns. A cuestión é que, por vir de Brasil, o segundo estado máis afectado pola pandemia do covid-19, con case un millón de contaxiados confirmados e máis de 46.000 falecidos polo coronavirus, o dianteiro deberá pasar tamén unha proba PCR para descartar a enfermidade, nunha clínica inda por determinar.

O vicepresidente do Arousa Rodrigo Lojo calculaba onte que «espaciarán as dúas probas un par de días». Sendo que o resultado da PCR tarda da orde dun día -o do test serolóxico coñécese en cuestión dunha hora-, e sobre a hipótese de que ambas probas dean negativo, Beda estaría en disposición de reencontrarse cos seus compañeiros entre o martes e o venres da vindeira semana.

Así pois, o home-gol e un dos principais factores diferenciais que levaron esta tempada ao Arousa ao terceiro posto na xornada 27, que a RFEF acabou dando por definitivo, co premio da primeira praza na fase a Segunda B do club vilagarcián en 27 anos, perderáse practicamente a metade da minipretempada precompetición do Arousa. Unha parte, certo é, centrada no engraxado muscular e articular necesario para evitar lesións sen capacidade de recuperación a tempo para a promoción. Unha parte, tamén é verdade, relevante para un Pedro Beda que iniciara o estado de alarma no treito final da recuperación dunha lesión muscular.

«Entrenando a buen ritmo, en 15 días me pondré bien»

Pedro Beda deixará a casa dos seus pais tras tres meses de inesperada convivencia. Faino con sentimentos encontrados, confesa. Por un lado, o desexo natural de permanecer cos seus nun momento de crise como o que se está a vivir en todo o mundo, pero en especial no seu país natal. Polo outro, di, «mi trabajo y mi vida están en España». Tamén un reto polo que «peleamos el año entero» os seus compañeiros no Arousa e mais el: «El play-off. Tengo ganas de jugar el play-off, y ascender». Un desexo que mestura as súas aspiracións persoais e a ansia por pagarlle ao seu club coa mesma moeda: «La gente ahí me trata muy bien. Tengo el cariño del club, del entrenador. Económicamente el club se porta de maravilla. Y me dieron autonomía para venirme a Brasil». Por todo o anterior, e sendo consciente de que a vida dun futbolista pode dar mil voltas en cuestión dun par de meses; desde a distancia, na véspera do seu regreso, Pedro Beda declara que «tengo la idea de seguir la próxima temporada en el Arousa».

Pese ás dramáticas cifras chegadas desde Brasil, o segundo país de todo o mundo con maior número de contaxios e de mortes polo covid-19, Pedro Beda fala tranquilo. E iso é porque, comenta, o cidade na que estivo a pasar estes últimos tres meses, Campo Grande, capital do estado de Matto Grosso do Sur con arredor dun millón de habitantes, tan só tería rexistrado uns centos de casos de contaxio do coronavirus. «El problema es más en el norte de Brasil. Aquí, donde estoy, la cuarentena no es obligatoria, pero sí recomendable».

«Sin ninguna molestia»

Cos ximnasios pechados durante boa parte da súa estada cos seus pais, o dianteiro do Arousa seguíu o traballo encomendado desde a distancia polo preparador físico do club arlequinado. «Las dos o tres primeras semanas fueron de descanso y fortalecimiento. Venía de mes y medio de recuperación de una lesión en los isquiotibiales de la pierna derecha, y en España me quedaba todavía otra más», relata Beda.

«Hace tres semanas comencé un trabajo más intenso, con bicicleta, un poco de cinta, brazos, piernas... con trabajo de calle. Y esta última semana antes de volver estoy trabajando con una amigo que es preparador físico para coger ritmo con el balón», engade o xogador.

Pedro Beda afirma que «me noto bien, sin ninguna molestia». Con todo, recoñece que «no puedo estar al mismo ritmo que mis compañeros». Inda así, continúa, «no creo que me vaya a costar mucho recuperar el contacto con el balón. Todavía queda mucho para la fase, un mes. Volviendo a entrenar a buen ritmo, en dos semanas me pondré bien».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

O Arousa seguirá sen o seu pichichi a lo menos outra semana máis