O vindeiro curso dous de cada tres colexios de Primaria e a metade dos institutos arousáns traballarán co E-Dixgal

pablo penedo
bea costa

A Consellería de Educación vén de publicar esta semana o listado dos 125 centros que se incorporarán o vindeiro curso escolar ao proxecto Educación Dixital (E-Dixgal). Un programa impulsado conxuntamente pola Consellería e pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta, que a partir de setembro pasará a contar con 470 colexios e institutos ao engadírselles os 125 seleccionados aos 345 nos que xa estaba implementado este curso.

Entre os centros noveles figuran 49 da provincia de Pontevedra. Deles, sete da contorna da cidade do Lérez e cinco na comarca do Salnés, os colexios de Coirón-Dena, o Plurilingüe Rosalía de Castro de Carril, o de Corvillón e As Bizocas, ademais do instituto Monte da Vila do Grove.

Coa inclusión no E-Dixgal os alumnos de Quinto e de Sexto de Primaria pasan a recibir todas as súas materias en modalidade dixital, mentres os de Primeiro e Segundo da ESO fanno nun mínimo de seis, a elección de cada centro. Con tal fin, a Consellería dota ao profesorado e ao alumnado dos medios tecnolóxicos necesarios, incluído cadanseu ordenador, ademais do acceso a unha contorna virtual de aprendizaxe con contidos gratuítos. Entre estes recursos figuran os contidos xerados na iniciativa Dixit e o acceso á plataforma EVA E-Dixgal, con material de aprendizaxe das editoriais electrónicas aulaPlaneta, Netex, Edebé e Pearson. Un programa, o E-Dixgal, que nestes tres últimos meses axudou os seus colexios e institutos asociados a exprimir os seus recursos durante o confinamento.

Case dous millóns e medio para obras de mellora nos recintos escolares

A Xunta informa de que ten en marcha proxectos de mellora en centros educativos de todo O Salnés agás O Grove por valor de 2.471.392,68 euros. Tres son os recintos que concentrarán o groso deste capítulo. Trátase do instituto Castro Alobre de Vilagarcía, ao que se destinarán 250.000 euros na mellora da súa carpintería exterior, do colexio Julia Becerra Malvar de Ribadumia, con 857.709,39 euros, e do colexio Xulio Camba de Vilanova, no que se investirán 859.678; nos dous últimos casos, en cadansúa reforma integral.