«Pedímolo pola posibilidade doutro confinamento»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MONICA IRAGO

18 jun 2020 . Actualizado a las 11:53 h.

Ocolexio de Coirón-Dena é un dos cinco centros do Salnés que o vindeiro curso se estrearán no E-Dixgal. Rafael Maquieira é o seu director.

-Que levou o seu centro a solicitar o proxecto E-Dixgal?

-Inda que era un tema que xa se debatíu outros anos, e había distintas sensibilidades no claustro, a situación xerada polo covid-19 fíxonos ver a necesidade de contar cuns recursos. Tampouco consideramos que isto sexa unha panacea. Pero ante a posibilidade de rebrotes que poidan motivar un novo confinamento e unha situación semellante á deste ano, estar preparados. O Dixgal non é unha solución a nada. É un recurso que fan bo os profesores e os alumnos, sacándolle proveito como a calquera outra ferramenta.

-Pedírono logo no confinamento?

-Si. Nós de principio non o pediramos. Tratárase no seu momento en claustro, e non o consideramos tan oportuno. A situación de confinamento e a necesidade do traballo online obrigáronnos a poñernos ante a realidade, e ver as dificultades que tiñamos, o profesorado e o alumnado. E falando con profesorado que ten o Dixgal noutros centros, ofrecéronnos a visión de que con esta ferramenta se traballaba con maior facilidade. Unha vez que se reanudaron os prazos para pedilo, que quedaran suspendidos, entendimos que era necesario volver poñer sobre a mesa o debate sobre este tipo de ferramentas; a xente reflexionou, e decidimos solicitalo.

-En caso dun rebrote do covid-19 e dun novo confinamento o vindeiro curso, o E-Dixgal permite clases «online» con interacción entre o profesor e os alumnos?

-Clases online, cunha videoconferencia, non; non, non, non. Nós xa contabamos con outras ferramentas, como o Abalar, para o intercambio de mensaxes -cos pais-. O Dixgal permite o encargo de tarefas -aos alumnos- e o rexistro de tarefas e a revisión por parte do profesor. Mesmo permite, naqueles casos de alumnado sen conexión na súa casa, a descarga dos contidos, de maneira que poida facer esas actividades. O Dixgal tamén permite a interacción, ao contar cunha aplicación de mensaxería para reforzar o contacto entre o profesor e o alumnado.

-Os alumnos de Quinto e de Sexto do seu centro pasarán a recibir todas as materias na modalide dixital, sen libros. Que grao de dificultade agarda para adaptarse?

-Hoxe en día os nenos están moito máis adaptados ao tratamento de contidos dixitais, inda que só sexa pola vía do ocio, que o que podían estar fai hai anos. Teño moita confianza na adaptación metodolóxica tanto dos alumnos como dos profesores.

-A situación destes tres últimos meses levou a reflexionar sobre o valor da educación presencial.

-¡Home! ¡Vamos! (Gargallada). Independentemente de que -os mestres- nos foramos desenvolvendo da mellor maneira que podiamos ou sabiamos, non hai nada comparable ao contacto directo profesor-alumno. Cando a situación o require, hai que tirar de todos estes recursos, pero evidentemente non hai nada que substitúa o contacto profesor-alumno. Foi realmente complicado, tamén desde o punto de vista emocional.