Gelo Tarrío: «É indignante que vascos e cántabros poidan baixar á auga e os galegos non»

Pablo Penedo Vázquez
pablo penedo VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

MARTINA MISER

Vilaxoán e Mecos reabren os seus clubs en espera do permiso da Xunta para volver ao mar. Amegrove decidirá o sábado se sae na Liga Galega de Traíñas

10 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A fase 3 da desescalada trouxo de volta a actividade nas sedes de dous dos tres clubs de remo do sur de Arousa. Tras os correspondentes e obrigados traballos de desinfección a fondo de ambos os dous recintos a cargo dos concellos de Vilagarcía e do Grove, as portas das instalacións municipais do C.R. Vilaxoán, o luns, e do C.R. Mecos, hoxe, reabríanse logo de tres meses pechadas pola pandemia do covid-19. Un paso adiante cara a recuperación da hoxe tan prezada rutina, vivido de maneira moi diferente en cada entidade, coa volta dos deportistas ao mar agardando inda por data.

Neste punto, o presidente e remeiro da traíña do C.R. Vilaxoán, Gelo Tarrío, declara que «para nós é indignante que vascos e cántabros poidan baixar á auga, e nós non». Así sucede desde, precisamente, o luns desta semana. «Somos os únicos remeiros de España que non podemos baixar á auga», clama o vilaxoanés.

A discriminación levou os clubs da Liga Galega de Traíñas a protestar o luns pola situación ante a súa directiva e esta, explica Tarrío, informoulles onte de que «como mínimo ata o xoves a Secretaría Xeral para o Deporte non vai pronunciarse ao respecto, que vai estudar un protocolo» como autoridade competente na regulamentación deportiva tras a cesión do groso da xestión pública ás autonomías por parte do goberno central na fase 3 da desescalada. De non variar a Xunta a normativa xenérica publicada no BOE, os remeiros galegos deberán agardar dúas semanas para poder comezar o acoplamento no mar, co inicio da LGT o 18 de xullo.

De momento, no Vilaxoán deben contentarse con traballar en grupos de 6 remeiros no foxo do club, con capacidade para 18, a fin de manter as medidas hixiénico-sanitarias obrigatorias arestora. O regreso dos rapaces, di Tarrío, tan só o contemplarán «cando quen mande se molle», fixando o cando e como da súa volta á actividade sen descargar nas directivas a responsabilidade «do que poida pasar», sinala o presidente.

No Mecos, pola contra, hoxe reabren para os seus preto de 80 remeiros de todas as categorías. Cos canteiráns en dúas quendas ás 16 e ás 18 horas, e os 18 deportistas da traíña ocupando a franxa de 19.30 a 21 horas. Co club parcelado en tres zonas: o foxo, acotado para 4 usuarios ao tempo, o ximnasio, co aforo reducido de 15 a 8 deportistas, e o salón de actos, habilitado para alternar o uso de 8 ergómetros ou outras tantas bicicletas estáticas. Empregando todos máscaras e pantallas de maneira obrigatoria nos desprazamentos entre zonas do club, e xel hidroalcólico a man para desinfectar a cada paso a maquinaria.

Sobre a volta ao mar, Martín Rodríguez Prol, adestrador da traíña do Mecos, asume que non poidan saír inda ao mar en tanto «ningún barco da Liga Galega pode. O que non me parece ben», e iso tamén o subliña Tarrío, «é que Cabo e Ares non poidan saír ao mar» mentres os seus competidores da ACT vascos e cántabros si o fan co inicio da Liga o 4 de xullo. Tras unha primavera en branco, «cada día que perden é moi complicado de recuperar».

Amegrove decidirá o sábado se sae na Liga

Os 2 patróns e 15 remeiros reunidos in extremis o pasado inverno pola nova directiva do Amegrove C.R. están convocados o sábado a unha reunión na que decidir se saen ou non finalmente a disputar a vindeira Liga Galega de Traiñas A. Varios dos deportistas, traballadores no sector sanitario, amosaron o sábado pasado noutra xuntanza as súas dúbidas sobre a conveniencia de competir este ano.